saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle un pleno infantil centrado no respecto e a convivencia contra o acoso escolar

• O vicepresidente da Cámara, Diego Calvo, conduciu a actividade, organizada coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS no marco do programa Abraza os teus valores
 
• Calvo Pouso agradece a presenza do alumnado no Parlamento e sinala a importancia de escoitar as súas opinións
 
Santiago, 2 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia celebrou esta mañá un pleno infantil, organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS, no marco do programa Abraza os teus valores, que nesta edición xirou arredor do respecto e a convivencia contra o acoso escolar.
 
O acto foi conducido polo vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, que agradeceu a participación do alumnado neste acto e destacou a importancia de ter en conta as opinións dos máis novos.
 
Garantir a convivencia, unha prioridade
 
Recordou o vicepresidente da Cámara que para pais e nais, para a comunidade educativa e para os gobernos, garantir o respecto nas aulas para facilitar a convivencia e previr o acoso escolar resulta prioritario.
 
Calvo Pouso instou á sociedade a evitar caer no autoengano, na medida en que “nas aulas e nos patios dos colexios non sucede nada distinto respecto ao que acontece decote nas rúas, nos centros de traballo ou nos lugares de ocio”, e chamou a atención sobre as ocasións nas que, en diferentes ámbitos, se perde o respecto aos demais.
 
Todas e todos corresponsables
 
Concluíu, por iso, que “todas e todos somos responsables do cambio de valores no que estamos inmersos e que afecta de cheo aos máis novos”.
 
Con todo, o vicepresidente do Parlamento de Galicia apuntou que do mesmo xeito que non vale mirar cara outro lado ante cuestións como o acoso escolar, "tamén creo firmemente que non debemos tirar a toalla”, dado que “coa implicación de todos, e a de toda a xuventude galega, as dificultades poden superarse”.
 
Valorou o acerto do programa Abraza os teus valores, promovido por Aldeas Infantiles SOS para impulsar o respecto e a convivencia, e  aplaudiu tamén a implicación do conxunto da comunidade educativa para avanzar neste ámbito.
 
O Pleno infantil que hoxe se celebou no Lexislativo galego contou coa participación de alumnado dos colexios San Rosendo (Ferrol); Monte Baliño (Pantón), Inmaculada (Ourense) e Monterrey (Vigo), que deron lectura a diferentes reflexións e compromisos relacionados coa convivencia e o respecto nas aulas. O acto foi clausurado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. Participaron tamén deputadas e deputados da Cámara.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina