O presidente do Parlamento recibe de FADEMGA Plena inclusión Galicia o estudo “Todos somos Todos”

Santiago, 27 de xuño de 2017.- Unha delegación de FADEMGA Plena inclusión Galicia entregou este mediodía ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, o estudo “Todos somos Todos”, realizado polo Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO) co apoio do Real Padroado sobre Discapacidade.
 
O proxecto “Todos Somos Todos” é unha iniciativa posta en marcha para visibilizar e empoderar a aquelas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen maiores necesidades de apoio debido a situacións asociadas a esta discapacidade, caso de mobilidade reducida, trastornos da saúde mental ou dificultades de comunicación.
 
A reunión celebrada no Parlamento antecede á xornada que acollerá mañá mércores a Escola Galega de Administración Pública, na que familiares e profesionais de todo o movemento asociativo galego reuniranse para coñecer historias de vida e superación de persoas con discapacidade intelectual e familias que afrontan esta realidade día a día.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas