saltar ao contido

Santalices anima a España e a Portugal a aproveitar o Brexit para “facer valer o noso potencial lingüístico na UE”

• O Parlamento de Galicia acolle a presentación dun libro e a inauguración dunha exposición sobre as Illas Azores no marco dunha visita da presidenta do Lexislativo desa rexión autónoma
 
• O titular da Cámara galega recorda que  a lusofonía “ofrece aos galegos vantaxes competitivas reais”
 
Santiago, 14 de setembro de 2017.- “En plena negociación do Brexit, españois e portugueses fariamos ben en aproveitar o distanciamento británico para facer valer o noso potencial lingüístico na UE e, con el, propiciar un achegamento das institucións e países comunitarios ao mundo hispanoamericano e á comunicade lusófona”. Así o manifestou hoxe  o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, co gallo da visita dunha delegación da Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, encabezada pola súa presidenta, María Luísa  Pereira Luís, orientada a fortalecer os vínculos coa lusofonía.
 
Recordou Santalices que España e Portugal “viviron de costas tempo de máis”, especialmente no ámbito institucional, dado que xa no pasado “a vida cotiá estaba chea de exemplos que poñían de manifesto que as persoas das dúas beiras renegaban da fronteira”. Agregou que “os arraianos, habitantes das raia seca da que proveño, e tamén na raia húmida, sabemos ben da permeabilidade da fronteira, que lonxe de provocar desencontros, xerou intercambios de todo tipo, mesmo familiares, como os que moitos levamos nos nosos xenes”.
 
Fronteira enriquecedora
 
Falou o presidente do Parlamento dunha fronteira “enriquecedora en termos persoais, e mesmo económicos; e tamén unha fronteira salvífica para moitos”. Referíase a casos como o protagonizado polo deputado republicano Antón Alonso Ríos, que facéndose chamar Afranio de Amaral, logrou salvar a vida e reunirse coa súa familia na Arxentina logo de escapar, a través de Portugal, da persecución desatada en 1936.
 
Para o presidente do Parlamento de  Galicia, a boa veciñanza que oficiosamente viñan practicando os dous pobos desde tempo inmemorial, pasou a contar con “pontes e ferramentas novas” a partir da adhesión de España e Portugal á CEE, en xuño de 1985, e a posterior sinatura do Tratado de Schengen. Destacou, como exemplo, a posta en funcionamento da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, unha iniciativa que considerou “modélica”.
 
Vantaxes competitivas do galego
 
Santalices subliñou a importancia da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade na Cámara gaega en marzo de 2014, “unha norma impulsada pola propia cidadanía e orientada a sacar proveito dun elemento que nos diferencia e enriquece, a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa”. Trátase, a xuíxo do presidente do Parlamento, dun “feito enriquecedor que ofrece aos galegos vantaxes competitivas reais neste mundo globalizado”.
 
No acto celebrado esta mañá na Cámara galega presentouse a edición bilingüe, en galego e portugués, do volume titulado Viaxe á illa do Corvo. Os Azores, 1924, publicado inicialmente en 1926 dentro dun volume máis amplo titulado  As Ilhas Desconhecidas. Notas e Paisagens, no que o autor, Raul Brandao, relata o seu periplo polo arquipélago. A tradución ao galego correu a cargo do escritor Xesús Rábade Paredes. A publicación presentada hoxe inclúe tamén un estudo introdutorio no que o profesor Xesús Alonso Montero repasa os vínculos entre Raul Brandao e algúns escritores galegos do seu tempo.
 
Exposición fotográfica
 
Posteriormente, tamén no Pazo do Hórreo, inaugurouse a exposición fotográfica Açores silêncio e ser, unha mostra que recala en Santiago grazas á Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma e que permanecerá aberta ao  público ata o vindeiro 14 de outubro.
 
O presidente do Parlamento de Galicia agradeceu á súa homóloga dos Azores a presenza destra mostra en Santiago, porque “permite seguir avanzado pola senda do entendemento, a cooperación e a amizade entre os diferentes pobos da lusofonía”.
 
Xa esta tarde, a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores, acompañada polo presidente do Parlamento de Galicia visitará Vigo, onte terá ocasión de coñecer o Instituto Español de Oceanografía, o Porto e estaleiros da ría.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina