A Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 20 de setembro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 6126 (10/PNC-000607)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 12 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación coa negociación dun acordo marco referido á estrutura e aos contidos da negociación colectiva de Galicia, así como aquelas iniciativas empresariais e sindicais conxuntas na materia que redunden na súa mellora, dentro dos marcos legal e convencional galegos de relacións laborais
BOPG n.º 83, do 15.03.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia acorda:
1. Manifestar a necesidade de impulsar e instar ás organizacións sindicais e empresariais mais representativas de Galicia a negociar un acordo marco sobre a estrutura e contidos da negociación colectiva en Galicia que contribúa a una maior axilidade e mellora dos contidos dos convenios colectivos, utilizando os mecanismos que o Consello Galego de Relacións Laborais pon a disposición das mesas negociadoras de convenios colectivos, de acordos marco ou de solución extraxudicial de conflitos.
2. Mostrar o seu apoio a todas aquelas iniciativas conxuntas empresariais e sindicais nesta materia, que redunden nunha mellor negociación colectiva dentro do marco legal e dentro do marco convencional galego de relacións laborais.
3. Dar traslado deste pronunciamento ás organizacións empresariais e sindicais máis representativas actuantes en Galicia, así como ao Consello Galego de Relacións Laborais."