4.1 7663 (10/PNP-000699)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 7 máis
Sobre a elaboración polo Goberno galego, no ano 2017, dos plans reitores de uso e xestión dos seis parques naturais de Galicia e do Parque Nacional das Illas Atlánticas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 100, do 19.04.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1- Avanzar na elaboración e dos plans reitores de uso e xestión dos seis parques naturais e do parque nacional das Illas Atlánticas de maneira que se aproben no prazo máximo de 12 meses.
2- Garantir que os citados plans conten cun amplo proceso de participación e do máximo consenso cos concellos, asociacións ecoloxistas e comunidades locais de cada ámbito territorial.
3- Encadrar estes parques como centro do Plan de educación ambiental escolar de Galicia xa existente.
4- Incorporar nas novas medidas da Xunta unha planificación específica da loita contra o lume para os espazos protexidos que teña en conta os coñecementos dos técnicos máis cualificados nos Parques Naturais.”
4.2 13018 (10/PNP-001103)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Castiñeira Broz, Jaime e 6 máis
Sobre o impulso da Xunta de Galicia na elaboración dunha lei de rehabilitación de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 158, do 04.08.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Aprobar, para a súa remisión á Cámara no primeiro semestre do ano 2018, un proxecto de lei en materia de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana dirixido á simplificación lexislativa, administrativa e de xestión e que preste especial atención á recuperación dos núcleos rurais e urbanos con valor histórico e patrimonial.
2.- Contar durante a tramitación do proxecto de lei coa colaboración, consulta e participación da Fegamp, así como cos colexios profesionais, e resto de institucións e sectores relacionados con este ámbito.
3.- Incluir como contidos mínimos da lei:
• A obrigatoriedade de implantación en todos os concellos dos Informes de Avaliación de Edificios (IAEs) como medida de coñecemento directo e realista do estado físico das edificacións máis antigas.
• Facilitar a mellora de accesibilidade en edificacións plurifamiliares.
• Compatibilizar a interpretación dos condicionantes dimensionais e funcionais mínimos das vivendas no caso de edificacións con algún grao de protección ou pertencente a áreas de protección declaradas.
• Fomentar a simplificación na tramitación, prescindindo no posible de informes autonómicos, dotando aos concellos de maior autonomía na tramitación de licenzas.
• Poñer en marcha medidas de intervención da Administración ante o abandono e inadecuado mantemento das edificacións incluídas en ámbitos de protección.
• Impulsar a creación de catálogos de protección nos concellos que aínda non contan con el, e buscar ferramentas de homoxeinización dos existentes así como dos futuros.
4.- Facilitar o incremento de máis medios e persoal para os concellos que, afecatdos pola aplicación da lei, asuman máis competencias e polo tanto máis carga de traballo nos seus departamentos”.
4.4 17676 (10/PNP-001318)
Grupo Parlamentario de En Marea
Chao Pérez, Luca e Cuña Bóveda, María de los Ángeles
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a restitución ao patrimonio público e a declaración como ben de interese cultural de dúas estatuas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela que están a formar parte da exposición sobre a obra do Mestre Mateo inaugurada no pazo de Xelmírez, así como para garantir a protección legal de todos os bens existentes dentro do pazo de Meirás
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 187, do 05.10.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
1. Amosar o seu apoio ás actuacións que está a levar o Concello de Santiago de Compostela para poder recuperar as estatuas que obran, ilexitimamente, en man da familia do ditador franquista.
2. Unha vez resolto o litixio interposto polo Concello de Santiago sobre a propiedade das estatuas de Abraham e Isaac, de ser o caso, colaborar con esta Administración local, na súa condición de lexítima propietaria, nas posibles tarefas de restauración e posta en valor destes bens.
3.- Iniciar o procedemento para a declaración BIC das devanditas esculturas tal e como está anunciado”.
4.6 19027 (10/PNP-001397)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Toja Suárez, María Dolores e Torrado Quintela, Julio
Sobre a adopción polo Goberno galego das medias necesarias para activar o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia nos litorais afectados, co fin de evitar os posibles riscos derivados da vaga de incendios rexistrada o día 15 de outubro de 2017
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 199, do 24.10.2017
O texto aprobao é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a tomar as medidas axeitadas para activar o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia, nos litorais afectados, para evitar os riscos potenciais, derivados dos graves incendios ocorridos o 15 de outubro.”
4.8 19153 (10/PNP-001407)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 4 máis
Sobre o deseño polo Goberno galego dun plan urxente de rexeneración ambiental das zonas protexidas afectadas pola vaga de incendios rexistrada en Galicia a mediados de outubro de 2017, así como a restauración das dotacións de servizos básicos afectadas polos lumes
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 199, do 24.10.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia ao seguinte:
1º Que deseñe un Plan especial urxente de rexeneración ambiental das zonas protexidas afectadas polos incendios forestais, incluíndo medidas e accións para loitar contra os procesos erosivos e para recuperar e rexenerar os hábitats afectados.
2º Que dote dunha memoria económica a este Plan, detallando os investimentos e prazos de execución do mesmo para cada unha das actuacións previstas.
3º Que restaure, en colaboración con outras Administracións competentes, as dotacións de servizos básicos que se viron afectadas polos incendios.
4º Que se deseñen protocolos de actuación na rexeneración de superficies queimadas en xeral atendendo ás súas características de solo, pendentes, proximidade a acuíferos, traídas municipais e privadas, correntes de auga, e arrastres de terra e consecuencias erosivas que faciliten a actuación inmediata despois do lume.”
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.