saltar ao contido

O presidente do Parlamento de Galicia participa no Plenario Anual da CALRE, que reitera o obrigado cumprimento das leis

 
• Santalices explica aos seus homólogos da COPREPA as iniciativas de cooperación desenvolvidas canda a Asemblea Lexislativa dos Azores para reivindicar o valor da lusofonía
 
• A CALRE subliña que “a diversidade e a riqueza europea son unha baza para a Unión e non un argumento para separar territorios”
 
• O presidente do Parlamento participa na elaboración dunha Declaración Institucional que avoga por unha UE” máis forte, unida e democrática” baseada na “liberdade, a igualdade e o mandato da lei”
 
• A CALRE recomenda impulsar medidas que favorezan a participación cidadá nas Cámaras lexislativas, na liña das medidas xa implantadas no Parlamento de Galicia
 
Santiago, 10 de novembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou no plenario anual que a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) celebrou desde a tarde de onte na sede do Parlamento de Andalucía, en Sevilla.
 
No encontro, o presidente do Parlamento de Galicia explicou aos seus homólogos da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autónomicos (COPREPA) as iniciativas de cooperación interrexional desenvolvidas pola Cámara Galega e a Asemblea Lexislativa dos Azores para poñer en valor a lusofonía.
 
Santalices Vieira tomou parte na elaboración dos dous documentos feitos públicos ao remate da reunión: unha resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, e a Declaración institucional da CALRE.
 
Leis de obrigado cumprimento
 
Na resolución sobre o libro branco da Comisión Europea sobre o futuro de Europa, a CALRE reitera a necesidade de posicionar os diferentes territorios no centro da política comunitaria e respalda a idea de “unha Europa construída de abaixo cara arriba”. Este documento “recorda aos países membros  que os tratados e leis da UE son de obrigado cumprimento e todos os Estados membros deben cumprir a lei e os compromisos adoptados por todos”.
 
A CALRE, facendo a súa unha opinión do presidente  do Comité das Rexións, subliña que “a diversidade e a riqueza europea son unha `baza para a Unión e non un argumento para separar territorios e para volver a nacionalismos que están trasnoitados e que non permitirán afrontar os retos´ da Europa do século XXI”.
 
Política de cohesión posterior a 2020
 
A resolución sobre o libro branco reafirma a necesidade de “manter unha política de cohesión forte e eficaz en cada rexión despois do ano 2020, polo que debe garantirse o seu pleno financiamento”. A CALRE pide incorporar esta demanda  ao documento final da Comisión para “fortalecer a capacidade de investimento  das autoridades locais e rexionais, mantendo fortemente o principio dunhas finanzas públicas saneadas e equilibradas”. A xuízo de Santalices, este punto  respalda a xestión de Galicia como unha das Comunidades cumpridoras en materia de déficit, ao tempo que reclama unha política de cohesión que vaia máis aló do horizonte de 2020.
Participación cidadá nos parlamentos
 
Esta mesma resolución reitera a necesidade de incorporar unha estratexia que “favoreza a participación da cidadanía no procedemento lexislativo europeo”, instando deste xeito a poñer en marcha iniciativas similares ás xa implantadas nalgunhas cámaras rexionais, como a galega.
 
Acredítase, deste xeito o acerto das medidas xa implantadas polo Parlamento de Galicia ao abeiro da reforma da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá que, entre outras novidades, reduciu o número se sinaturas necesarias para impulsar proposicións de lei de iniciativa popular, blindou a participación da cidadanía na elaboración das leis en tramitación desde a web da institución e fixo posible que os cidadáns formulen proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno.
 
Principios para unha Europa máis forte
 
A denominada Declaración de Sevilla, aprobada polo Plenario da CALRE, cando se celebran 20 anos da fundación desta Conferencia e o 60 aniversario dos Tratados de Roma, sinala que ante os desafíos que afronta Europa “os principios que deben asentar a Unión son a liberdade, a igualdade e o mandato da lei, co obxectivo de construír unha unión máis forte, unida e democrática, que contribúa a un mercado único máis forte, a unha unión económica e monetaria máis forte, a unha UE máis forte na loita contra o terrorismo e a unha UE máis forte como acto global”.
 
Incide tamén a declaración na necesidade de que a recuperación da economía europea teña un reflexo directo no día a día dos cidadáns” e alerta sobre a “persistencia da desafección cidadá cara as institucións europeas e o proxecto europeo”.

Nova presidenta da CALRE
 
Na segunda e derrareira xornada da Asemblea Plenaria, os integrantes da CALRE elixiron presidenta da organización para o vindeiro exercicio á titular da Asemblea Lexislativa dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís. O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, felicitou á nova presidenta da CALRE e amosouse convencido de que desenvolverá una xestión exitosa á frente da entidade que aglutina os parlamentos rexionais europeos. “Coñezo ben a súa capacidade de traballo, e tamén a súa sensibilidade cara Galicia e o mundo da lusofonía, no que traballamos conxuntamente”, afirmou Santalices.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina