Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 22 de novembro de 2017

4.1 14121 (10/PNP-001164)
Grupo Parlamentario de En Marea
Vázquez Verao, Paula e 13 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de modificación da Lei xeral da Seguridade Social para mellorar a situación das persoas afectadas pola xubilación anticipada
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 165, do 30.08.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia considera necesario estudar a modificación da actual regulación das modalidades de acceso anticipado á xubilación, polo que o Parlamento de Galicia insta á Xunta para que se dirixa ao Goberno do Estado para que, no Marco do Pacto de Toledo, con presenza de todos os axentes e sindicatos representativos, se proceda a estudar e valorar as seguintes medidas, garantindo en todo caso a viabilidade do sistema de pensións:
 
Primeiro.- Realizar as modificacións necesarias na Lei Xeral da Seguridade Social, aprobada por Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, nos casos nos que se accedeu á xubilación anticipada, no sentido de que se aplicará unha penalización inferior á que existe actualmente dos coeficientes redutores establecidos no artigo 208 da citada Lei, con 35 anos cotizados e unha redución progresiva dos mencionados coeficientes ata a súa desaparición total cunha cotización de 40 anos.
 
A modificación de Lei, a partir da súa entrada en vigor, será de aplicación aos e ás que se atopan penalizadas antes da promulgación da citada Lei e a futuros e futuras pensionistas.
 
Segundo.- Que para os efectos de acreditación do citado período de cotización efectiva, non se terá en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias e só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social sustitutoria co límite máximo dun ano.
 
Terceiro.- Que se realicen as modificacións necesarias na Lei Xeral da Seguridade Social, aprobada por Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, co fin de que nos casos de acceso á xubilación anticipada por vontade do interesado nos que se apliquen coeficientes redutores por trimestre ou fracción de trimestre que lle falte ao traballador para cumprir a idade legal de xubilación, conforme ao disposto no artigo 208 do mesmo texto legal, deixen de aplicarse os coeficientes redutores desde o momento no que o pensionista cumpra a idade legal de xubilación.
 
Cuarto.- Que as presentes medidas non se verán afectadas polas cláusulas relativas á xubilación forzosa aprobadas por convenio colectivo e será de aplicación nos mesmos termos aos supostos de xubilación anticipada por causas non imputables ao traballador, previstos no artigo 207”.
 
4.3 17688 (10/PNP-001320)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e 4 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa aplicación das medidas reflectidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 187, do 05.10.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado:
 
1. Que  se  cumpran e axilicen, na medida do posible, os  prazos  establecidos,  dado  que  o  pacto  de  Estado  contra  a  violencia  de  xénero  significa  loitar  contra    un  gravísimo  asunto  que  afecta  á seguridade das mulleres como cidadás.
 
2. Que poña en funcionamento  as medidas adoptadas no pacto de Estado contra a  violencia  de  xénero,    especialmente  aquelas  medidas  que  teñen  que  ver  coas entidades  locais  e  o  papel  que  lles  corresponde  no  ámbito  da  atención  e protección das mulleres vítimas, as súas fillas e fillos.
 
3. Que de maneira urxente active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para  a  execución   dos  acordos  do  pacto,   ao  conxunto  das  administracións implicadas:  comunidades  e cidades  autónomas,  deputacións  provinciais,  cabidos insulares  e concellos. 
 
4. Dar traslado desta proposición e a súa aprobación ao presidente do Goberno, á ministra  de  Sanidade,  Servizos  Sociais  e  Igualdade,  así  como  ao  conxunto  de ministerios implicados”.
 
4.4 19444 (10/PNP-001438)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 6 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central do impulso das medidas necesarias para a celebración o 6 de decembro de 2018 do cuadraxésimo aniversario da Constitución española de 1978, así como a posición do Parlamento de Galicia en relación cos actos conmemorativos que están a promover e coordinar as Cortes Xerais para a súa celebración
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 203, do 31.10.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“1.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno do  Estado  impulsar as medidas necesarias para a celebración o 6  de decembro de 2018  do `Cuadraxésimo  Aniversario  da  Constitución  Española  de  1978´,  promovendo  e  apoiando tanto actividades propias para tal fin como as que realicen as Cortes Xerais,  institucións,   organizacións,   universidades   e   centros   educativos,   así   como   as  asociacións que representen á sociedade civil en xeral.
 
2.- O Parlamento de Galicia manifesta a súa adhesión aos actos  conmemorativos que  están a promover e coordinando as Cortes Xerais para a celebración o 6 de decembro  de 2018, do `Cuadraxésimo Aniversario da Constitución Española de 1978´, de acordo co  acordado  na  reunión  de  Mesas  conxuntas  do  Congreso  e  do  Senado  o  pasado  20 de setembro de 2017.
 
3.-  A  tal  fin,  o  Parlamento  de  Galicia  insta  á  Xunta  de  Galicia  a  participar  nos  devanditos  actos,  así  como  asumir  o  compromiso  de  realizar,  no  uso  das  súas  competencias,  as  actividades  que  se  consideren  oportunas,  buscando  a  participación  de todos os cidadáns, prestando especial atención ao recoñecemento constitucional de  Galicia  como  nacionalidade  histórica  e  titular  do  dereito  ao  autogoberno  garantido  na  nosa norma fundamental”.
 
4.6 19594 (10/PNP-001452)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre o desenvolvemento pola Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 14 da Lei 11/2007 e en colaboración coas universidades públicas galegas, das actuacións necesarias para garantir a incorporación dunha materia específica para a formación en prevención e atención á violencia de xénero no ámbito do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 207, do 08.11.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a, desde o respecto á autonomía universitaria, propor ás universidades galegas a modificación dos actuais plans de estudos do máster universitario en profesorado, para a incorporación dunha materia específica  sobre a atención e prevención da violencia de xénero, de cara a reforzar os contidos que deben impartirse na actualidade de xeito transversal e seguir propiciando a adquisición de competencias das e dos futuros docentes para afrontar a transmisión de valores que fomenten a igualdade e a convivencia nas aulas así como a resolución de conflitos”.
 
4.8 19744 (10/PNP-001465)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Míguez, María Ángeles e 14 máis
Sobre a intensificación pola Xunta de Galicia da colaboración coas entidades locais integrantes da Rede de concellos en contra da violencia de xénero, para acadar unha maior efectividade dos recursos e desenvolver de xeito conxunto actuacións nos ámbitos da sensibilización e prevención, información, formación e asistencia ás vítimas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 207, do 08.11.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O   Parlamento  de  Galicia  insta  á  Xunta  de  Galicia  a  intensificar  a  colaboración  cas  entidades locais que integran a Rede de concellos en contra da violencia de xénero, de  cara  a  conseguir  unha  maior  efectividade  dos  recursos  e,  procurar  desenvolver conxuntamente accións no ámbito da:
 
1. Sensibilización  e  prevención:  Ao  obxecto  de  contribuír  á  transmisión  de  valores igualitarios  e  á  ruptura  de  estereotipos  de  xénero,  fundamentalmente  entre  a  mocidade,  desenvolveranse  acción  de  carácter  pedagóxico,  educativo,  social  e lúdico  que  contribúan  a  espertar  a  análise  crítica,  solidaria  e  comprometida  na poboación, e a  previr comportamentos violentos. A estes  efectos,  as campañas institucionais que se deseñen co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia  de  Xénero  ou  calquera  outra  campaña  da  Xunta  de  Galicia  relativa  á prevención  e  loita  contra  a  violencia  de  xénero,  serán  cedidas  cando  así  o soliciten e sen custo algún, a calquera das entidades locais integrantes da rede contra a violencia de xénero.
 
2. Información:  Favoreceranse  todas  as  vías  de  informacións  sobre  os  recursos  e servizos   existentes   para   a   atención   ás   vítimas   da   violencia   e   xénero   e realizarase,  a  través  de  todos  os  medios  dispoñibles,  a  máxima  difusión  dos mesmos  entre  a  poboación  de  todas  as  entidades  integrantes  da  rede  de entidades locais en contra da violencia de xénero.
 
3. Formación:  Ao  obxecto  de  sensibilizar  e  capacitar  tanto  a  profesionais  como  a persoal   político   municipal   que   dun   xeito   directo   ou   indirecto   traballan   na prevención e no tratamento da violencia de xénero e na atención ás vítimas desa violencia, deseñarase e poranse en marcha, accións formativas especificamente dirixidas ao tratamento e erradicación da violencia de xénero. 
 
4. Asistencia  ás  vítimas:  A  través  das  e  dos  profesionais  que  integren  a  rede  de entidades  locais  en  contra  da  violencia  de  xénero,  poranse  a  disposición  das mulleres  vítimas  desta  violencia  que  así  o  precisen,  diferentes  programas  de asistencia  e  apoio,  atención  social,  xurídica  e  psicolóxica,  ferramentas  para autoprotección  e  apoio  aos  menores  expostos  a  situacións  de  violencia  de xénero, entre outras”.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

 

Imaxes relacionadas