Santalices define a Carlos Casares como un “patriota galego, convencido de que Galicia precisaba unha estrutura institucional sólida"


 
• O Liceo de Ourense acolleu esta tarde a homenaxe “Carlos Casares e as institucións galegas” para reivindicar o perfil institucional do escritor e ex deputado
 
Santiago, 30 de novembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices vieira, clausurou esta tarde no Liceo de Ourense un acto institucional de homenaxe a Carlos Casares, organizado pola Cámara autonómica para poñer en valor o compromiso do escritor e ex deputado coas institucións galegas.
 
Santalices explicou que se ben ao longo deste ano foron numerosos os actos organizados para enxalzar a figura e a obra de Casares na súa condición de autor homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, “restaba unha convocatoria como a de hoxe, orientada a reivindicar outra das facianas, o seu compromiso coas institucións”.
 
A xuízo de Santalices Vieira, Carlos Casares “foi un patriota galego, convencido de que para asegurar o seu futuro, Galicia precisaba dunha estrutura institucional sólida, moderna e homologable coas dos países máis avanzados en termos democráticos”.
 
Deputado na primeira Lexislatura
 
Recordou Santalices que Carlos Casares formou parte da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia como deputado independente nas filas do PSdeG-PSOE e que como tal “empuxou sen desmaio para reforzar e consolidar as institucións de autogoberno de Galicia”. Anunciou que en datas próximas, a Cámara presentará un libro sobre a actividade parlamentaria de Casares Mouriño.
 
O titular do lexislativo galego apuntou que o compromiso de Carlos Casares coas institucións se completou desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega, “que exercía coa ilimitada entrega de sempre cando o destino lle arrebatou prematuramente a súa vida; arrebatouno a unha sociedade que necesitaba e agardaba seguir contando co seu servizo para a causa de Galicia”.
 
Paixón por Galicia
 
En opinión de Santalices, a de Casares é unha “figura inabarcable, que fixo moito, e todo o fixo ben, fose como escritor, como editor, como docente, como académico ou como xestor cultural”. “Toda a súa traxectoria vital –apuntou- está impregnada dunha infinita paixón por Galicia”.
 
A homenaxe contou tamén coas intervencións de Xabier Casares Mouriño, presidente da Fundación Carlos Casares e do Liceo de Ourense; Håkan Olof Casares Berg, fillo do homenaxeado; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e Xesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense.
 
A celebración desde acto en Ourense, “berce e referencia vital” para Casares, enmárcase na estratexia do Parlamento de Galicia para abrirse á sociedade.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas