A convocatoria de bolsas de formación do Parlamento inclúe unha praza para persoas con dispacacidade intelectual

 
• Tamén se convocan sete bolsas para a formación práctica de persoas con titulación universitaria nos ámbitos de arquivo, biblioteca e documentación; comunicación institucional, publicacións, recursos técnicos e contratación; e  xestión parlamentaria

Santiago, 16 de febreiro de 2018.- A convocatoria de bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia deste ano inclúe unha praza reservada a persoas con discapacidade intelectual, así como outras sete orientadas a persoas con titulación universitaria.
 
As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do pasado luns (https://goo.gl/rp8cEP)  e na propia web do Parlamento. As solicitudes poderán presentarse nos quince días naturais contados a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, publicación que se efectuará en breve. As titulacións dos aspirantes terán que ser obtidas no ano académico 2011-2012 ou posteriores.
 
As bolsas  dirixidas a persoas con titulación universitaria ofrecerán formación práctica en materia de arquivo, biblioteca e documentación (2 bolsas); comunicación institucional (1); publicacións (2); recursos técnicos e contratación (1); e xestión parlamentaria (1).
A bolsa para persoas con discapacidade intelectual ofrecerá formación práctica en asistencia administrativa e servizos comúns e está orientada a persoas que rematasen os estudos obrigatorios e teñan recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% e a compatibiildade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
 
A convocatoria desta bolsa enmácase no compromiso expresado polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, de apoiar e dar visibilidade á inserción laboral das persoas con discapacidade. Esta iniciativa súmase á convocatoria dunha praza de uxier en   réxime   interino reservada   para   ser   cuberta   por   persoas   que   acrediten   algunha   discapacidade  intelectual, que actualmente se atopa en fase de selección.

Imaxes relacionadas