O Parlamento súmase á campaña de EAPN Galicia contra a exclusión social coincidindo coa Día Mundial da Xustiza Social

 
• Santalices reitera que o Parlamento “non pode estar de espaldas” a  realidade

Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia sumouse esta mañá, cunha exposición titulada “Dun muro das mentiras a un muro de inclusión”, impulsada por EAPN-Galicia, á celebración do Día Mundial da Xustiza Social. Esta conmemoración foi instaurada pola ONU en 2017 para, entre outros obxectivos, apoiar o labor da comunidade internacional en materia de erradicación da pobreza, a promoción do emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre sexos e o acceso ao benestar e a xustiza social para todos.
 
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou a mostra acompañado polo conselleiro de Política Social da Xunta, por membros da Mesa da Cámara, portavoces, deputados e deputadas, a valedora do pobo e representantes de diferentes entidades e colectivos que traballan no ámbito social
 
En declaracións aos medios, Santalices Vieira reiterou que o Parlamento “non pode estar de espaldas” a esta realidade e que debe traballar para “garantir o benestar das persoas”.
Apuntou que malia aos avances rexistrados no ámbito do benestar social,  o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento cifra en máis de 800 millóns o número de persoas que viven en situación de pobreza extrema no mundo, xa que dispoñen de tan só 1,5 dólares diarios.  
 
O presidente da Cámara chamou a atención sobre “unha das vertentes que conflúen coa pobreza, a enfermidade mental”. Ao seu xuízo, “aínda que na patoloxía en saúde mental se ten avanzado moito, aínda hai focos nos que deberíamos incidir”.
 
Santalices Vieira agradeceu que todos os grupos parlamentarios apoien esta iniciativa e tomen conciencia deste problema. “Poñámonos a traballar nun tema que é moi importante para o benestar das persoas”, rematou.

Imaxes relacionadas