Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 21 de febreiro de 2018

5.1 7071 (10/PNP-000633)
Grupo Parlamentario de En Marea
Vázquez Verao, Paula e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa prestación de asistencia persoal para garantir o dereito á vida independente das persoas con diversidade funcional
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 96, do 05.04.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:
 
• Avanzar na prestación de asistente persoal para as persoas con diversidade funcional, incrementando no inmediato as contías económicas da mesma.
 
• Avanzar na prestación de asistente persoal para as persoas con diversidade funcional no marco da  Convención internacional sobre o dereito das persoas con discapacidade.
 
• Trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de mellorar a prestación de asistente persoal, avanzado cara modelos que permitan a adaptación as necesidades de cada individuo e que, no marco do grupo de traballo do Imserso sobre a prestación de asistencia persoal, se estude a posibilidade de avanzar cara un modelo de autoxestión por parte das persoas usuarias”.
 
 
5.4 19842 (10/PNP-001472)
Grupo Parlamentario de En Marea
Santos Queiruga, Carmen e Merlo Lorenzo, Juan José
Sobre a introdución na etiquetaxe do selo “"pescadeRías ¿de onde se non?" do prezo pagado por quilo ao mariñeiro ou mariscadora, así como dun código QR que leve directamente ao apartado de trazabilidade do produto na páxina web
www.deondesenon.xunta.gal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 211, do 15.11.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Indicar, mediante ligazón ao espazo web www.pescadegalicia.gal e en base ao coñecemento de orixe e data establecido no código xa inserido na etiqueta, os valores de poxa en primeira venda do producto.
 
2.- Instalar un código QR ou similar no selo `PescadeRías ¿de onde se non?´que leve directamente ao apartado da trazabilidade do produto na web www.deondesenon.xunta.gal”.

5.5 24277 (10/PNP-001753)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Grupo Parlamentario de En Marea
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa inclusión das enfermidades minoritarias ou raras consideradas graves e os casos deste tipo en proceso de diagnóstico na listaxe de enfermidades reflectidas no anexo do Real decreto 1149/2011, así como a introdución neste das modificacións necesarias co fin de definir o que se considera coidado directo, continuo e permanente para os efectos dunha prestación
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 255, do 07.02.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para solicitar:
 
1.  A  ampliación  do  listado  das  enfermidades  contempladas  no  anexo  do Real  Decreto  1148/2011,  de  forma  que  inclúa  aquelas  enfermidades minoritarias  consideras  graves  non  incluídas no  listado  actual,  así como os casos graves que estean no proceso de busca de diagnóstico dunha enfermidade rara.
 
2.  Que  efectúe  os  cambios  pertinentes  no  Real  Decreto  para  especificar criterios que definan o que se entende por `coidado directo, continuo e permanente´,  xa  que  é  un  aspecto  básico  no  que  se  fundamenta a resolución da prestación”.
 
5.6 24628 (10/PNP-001771)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Castiñeira Broz, Jaime e 7 máis
Sobre a inclusión pola Xunta de Galicia da construción modular de vivendas no seu Programa de vivenda de promoción pública
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 255, do 07.02.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta   de  Galicia  a  incluír  a  construción  modular  de  vivendas  dentro  do  seu  programa  de  vivenda  de  promoción  pública,  co  obxectivo  de  avanzar na industrialización dos procesos de construción de vivendas e reducir prazos  no proceso de construción de novas vivendas para os sectores máis desfavorecidos da  poboación”.
 
 
5.9 24866 (10/PNP-001781)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 7 máis
Sobre a presentación pola Xunta de Galicia, no primeiro cuadrimestre de 2018, dun balance da execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017, a elaboración dun novo plan director para o período 2018-2021, así como a inclusión da acción humanitaria de calidade entre as súas orientacións estratéxicas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 255, do 07.02.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:
 
1. Presentar no primeiro cuadrimestre do ano 2018 un balance da execución do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 de acordo cos resultados da avaliación final do III Plan Director da Cooperación Galega.
 
2. Elaborar  no  primeiro  cuadrimestre  do  ano  2018  o  IV  Plan  Director  da Cooperación  Galega  2018-2021,  que  deberá  ter  en  conta  os  resultados  da avaliación  final  do  III  Plan  Director  da  Cooperación  Galega,  así  coma  as directrices  que  estableza  o  futuro  V  Plan  Director  da  Cooperación  Española, afondar  na  posta  en  valor  dos  aspectos  cualitativos  da  Cooperación  Galega  e contar coa participación de todos os axentes galegos de cooperación.
 
3. Incluír  entre  as  orientacións  estratéxicas  do  IV  Plan  Director  da  Cooperación Galega 2018-2021 a acción humanitaria de calidade, mellorando a coordinación dos  múltiples  actores  e  a  coherencia,  eficacia,  eficiencia  e  rendición  de  contas das respostas humanitarias”.

Imaxes relacionadas