Cáritas Diocesanas de Galicia, Aldeas Infantiles SOS Galicia e COGAMI, Medalla do Parlamento de Galicia 2018

• O Boletín Oficial do Parlamento publica hoxe o acordo da Mesa polo que se concede esta distinción, que se entrega o 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia
 
• A proposta foi presentada polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, para recoñecer o labor das entidades que desenvolven o seu traballo no ámbito social e prestan apoio ás persoas máis vulnerables

Santiago, 23 de febreiro de 2018.- A Medalla do Parlamento de Galicia deste ano recoñece o traballo de Aldeas Infantiles SOS Galicia, as Cáritas Diocesanas da Comunidade e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). A decisión foi adoptada pola Mesa da Cámara e publícase hoxe no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
 
A proposta foi presentada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, convencido da necesidade de recoñecer publicamente desde a primeira institución da Comunidade o labor das entidades e organizacións que traballan no ámbito social e prestan apoio ás persoas máis vulnerables.
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo protexer a nenos e nenas privados de coidado parental para lles brindar un entorno familiar protector no que podan medrar sentíndose queridos e respectados, así como apoiar o seu desenvolvemento ata que cheguen a ser autosuficientes e se integren na sociedade.
Esta organización apoia tamén a familias vulnerables para que podan atender axeitadamente ás súas fillas e fillos, e conta con programas de axuda á mocidade.
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia conta cun programa de protección que crea familias para nenas e nenos que carecen delas, para o que conta cunha aldea infantil, casas de familia, atención a familias en acollemento residencial e acollemento en familia extensa. O programa de prevención e fortalecemento familiar dispón dun centro de atención de día e un servizo de atención a familias. O programa de mozos axuda aos seus usuarios no tránsito á vida adulta, impulsado a súa emancipación e autonomía. 
 
Cáritas Diocesanas de Galicia
 
Cáritas Diocesanas de Galicia está integrada polas cinco Cáritas das dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol.
 
Cáritas desenvolve, a través da súa rede parroquial, interparroquial, arciprestal e diocesana, un labor de apoio a persoas e colectivos en situación de precariedade e/ou exclusión social. A axuda de Cáritas chega a familias desestructuradas, parados de longa duración, inmigrantes, drogodependentes, persoas enfermas e/ou con discapacidade, persoas sen recursos ou sen teito, entre outros colectivos.  En Galicia, Cáritas presta servizos como: atención primaria, comedor social/reparto de alimentos, orientación familiar, atención a alcohólicos e drogodependentes, roupeiro/tenda solidaria, pisos de acollida temporal/ programas de vivenda, formación e bolsa de emprego.
 
Cáritas conta en Galicia con 462 puntos de atención nos que traballan arredor de 220 técnicos contratados e 4.800 voluntarios, que cada ano prestan axuda a milleiros de persoas.

COGAMI
 
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do movemento asociativo e da prestación de servizos que satisfagan as necesidades e expectativas do colectivo ao que dirixe os seus esforzos.
Para acadar estes obxectivos, COGAMI ofrece todo tipo de servizos a persoas con discapacidade, familias e asociacións, como información e asesoramento, formación, intermediación laboral, apoio ao autoemprego, centros especiais de emprego, ocio, tempo libre, voluntariado, apoio á asistencia persoal, transporte adaptado e apoio na xestión e fortalecemento de asociacións, entre outras medidas.
 
No ámbito político e representativo, COGAMI colabora con diferentes administracións na implementación de políticas e accións relacionadas coas persoas con discapacidade, participando con outras organizacións en Europa e representando ás súas entidades ante as institucións públicas.
 
COGAMI aglutina actualmente un movemento asociativo integrado por 51 entidades e conta con 11 iniciativas empresariais de economía social nas que traballan preto de 800 persoas, das que o 90% presentan algunha discapacidade.
 
A entrega, no aniversario do Estatuto
 
A entrega da Medalla do Parlamento de Galicia celebrarase no Pazo do Hórreo o vindeiro  6 de abril, aniversario aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas