Mocións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 6 de marzo de 2018

 
2.1 26868 (10/MOC-000073)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Fernández Leiceaga, Xoaquín María
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa reforma do sistema de financiamento autonómico. (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 24390, publicado no BOPG n.º 255, do 07.02.2018, e debatida na sesión plenaria do 20.02.2028)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia demanda á Xunta de Galicia que na reforma do modelo de financiamento autonómico defenda que:
 
1. Para contribuír a reducir os desequilibrios verticais agravados nos últimos anos, o Goberno de España achegue ao novo modelo de financiamento autonómico os recursos adicionais demandados no Informe da Comisión de Expertos.
 
2.  O modelo garanta que Galicia non perde recursos en termos absolutos no seu primeiro ano de vixencia, nin nos seguintes exercicios.
 
3. O modelo garanta a suficiencia dinámica, polo que o índice de evolución a aplicar aos distintos compoñentes do sistema terá como referencia a evolución dos ingresos tributarios totais, tendo en conta a evolución do PIB nominal.
 
4.  O novo modelo reforce o principio de solidariedade interterritorial mediante a aplicación da nivelación total, en termos de habitantes axustados (necesidades de gasto e custe dos servizos correspondentes ao conxunto das competencias descentralizadas).
 
5. A efectos do cálculo de necesidades e custe dos servizos deberían establecerse catro bloques (sanidade, educación, política social e resto de servizos).
 
a. A ponderación de cada un dos bloques debe reflectir a situación real do gasto das CC.AA., con actualizacións periódicas.
 
b.  Para o bloque de sanidade debe recolleres a poboación protexida polo sistema, incluíndo a toda a poboación e ponderándoa por tramos de idade, sendo necesario crear novos tramos por riba dos 65 anos. Incluíndo a dispersión como un elemento relevante do custe.
 
c. Para o bloque de política social compre antes de nada reestablecer os compromisos de financiamento previstos na LAPAD, revertendo a suspensión da aplicación do nivel acordado de protección, e polo tanto o financiamento dos convenios entre a AXE e as CC.AA. Para a distribución entre CC.AA. compre ter en conta a distribución da poboación en tramos de idade por riba dos 65 anos, a probabilidade de experimentar algún tipo de dependencia e a dispersión.
 
d. Para a educación debe terse en conta: o censo de poboación en idade escolar para a educación obrigatoria, para a educación non obrigatoria o número de prazas financiadas con fondos públicos; así como os efectos da dispersión.
 
6. Redefinir a recadación normativa con criterios homoxéneos.
 
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que:
 
7. Evite toda discriminación entre comunidades autónomas pola aplicación dos mecanismos extraordinarios de financiamento, o que inclúe que
 
- Garanta que o subsidio extraordinario por medio de tipos de xuros inferiores aos de mercado que perciben as comunidades autónomas a través dos mecanismos de financiamento por medio dos que a facenda central lles presta liquidez sexa tido en conta, mentres dure, para evitar discriminacións entre comunidades.
 
- Garanta que unha eventual reestruturación da débeda sexa efectuada en condicións que eviten favorecer a algunha comunidade, e singularmente a aquelas comunidades que incumpriron de xeito máis habitual os criterios de déficit ou acumularon un maior volume de débeda.
 
- Garanta que este mecanismo posibilite o retorno ao mercado de débeda das CC.AA.
 
8. Desenvolva as actuacións precisas para facer efectivas as entregas a conta indicadas na comunicación do mes de xullo de 2017 por parte do Ministerio (e tidas en conta nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2018).
 
9. Reforce a efectividade plena do principio de lealdade constitucional para recuperar as mermas de recursos do sistema de financiamento.
 
10. Garanta a aplicación efectiva do principio de solidariedade, previsto constitucionalmente, por parte da Comunidade Autónoma do País Vasco, recollido na Lei 12/2002 do Concerto Económico (artigo 2) e da Comunidade Autónoma de Navarra, recollido na Lei Orgánica 13/1982, de reintegración e amelloramento do seu réxime foral (artigo 1)”.
 
2.3 26884 (10/MOC-000075)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa
Sobre a demanda pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Fomento da licitación das obras de diversas autovías de Galicia, a través do Plan extraordinario de estradas do Goberno central para os anos 2018 e 2019. (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 23197, publicada no BOPG n.º 247, do 25.01.2018, e debatida na sesión plenaria do 20.02.2018)
 
O texto aprobao é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a continuar demandando do Ministerio de Fomento que a través do Plan extraordinario de inversión de estradas posto en marcha polo mesmo nos anos 2018/2019, ou ben pola vía orzamentaria, se efectúe a licitación das   obras  das  autovías seguintes:
 
- Novo trazado na A- 55 entre Porriño e Vigo e que
conectaría coa A-52. 
- A–74 ou autovía da Mariña, conectando San Cibrao e Barreiros, para enlazar coa A-8.
- A–56 que conectaría Ourense coa A-54 para acadar a cidade de Lugo. 
- A–57 que transcorrería nunha primeira fase dende Ponteareas a Pontevedra. 
- A–59 que conectaría ca A-57 e transcorrería dende Vilaboa ata Peinador.
- A-76  que  conectaría  Ourense  ca  saída/entrada  central  de Galicia ata Ponferrada”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

 

Imaxes relacionadas