Logo do parlamento en forma de abanico Parlamento de Galicia

Acordos da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 12 de abril de 2018

A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 12 de abril de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 28312 (10/PNC-002223)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e oito deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa prevención e tratamento integral da violencia de xénero
BOPG nº 284, do 27.03.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Crear un grupo de traballo dentro do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, sobre a prevención, sensibilización, detección e información sobre as violencias sexuais.
— Que deste grupo de traballo formen parte todas as administracións, colectivos e asociacións especializadas.
— Que se elabore un protocolo de acoso sexual para difundir e pór en marcha nas empresas galegas.
— Que se difunda e dea a coñecer o servizo xa existente na páxina web da Xunta de Galicia, dentro do mapa de recursos, concretamente o referido á Área de violencia de xénero: https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa.
 
2. Seguir ofrecendo atención especializada ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as vítimas de violencias sexuais, de acordo co disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
 
3. Elaborar una macroenquisa galega sobre a incidencia da violencia de xénero ao longo do ciclo da vida das persoas.
 
4. Levar adiante un programa específico para o persoal da Administración pública en materia de prevención do acoso sexual.
 
5. Incluír a información referida ás violencias sexuais dentro do Informe anual de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que se presenta no Parlamento de Galicia.
 
6. Incrementar no vindeiro exercicio orzamentario o orzamento consignado para a igualdade de xénero, así como a prevención e intervención no ámbito da loita contra a violencia de xénero.»
 
Aprobación con modificacións
 
- 23389 (10/PNC-001862)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e dous deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación cos casos de persoas doentes que padecen enfermidades raras incapacitantes e que non están incluídas no sistema de prestacións previsto no Real decreto 1148/2011, así como o incremento pola Xunta de Galicia da partida orzamentaria destinada á investigación sanitaria
BOPG nº 247, do 25.01.2018
 
Sométese a votación por puntos, co resultado que se reflicte a seguir:
 
Punto A)1: rexeitado por 4 votos a favor, 7 votos en contra e 1 abstención.

Punto A)2: aprobado por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 1 abstención.

Punto B): rexeitado por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que revise e actualice o catálogo de enfermidades recollidas no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, de prestación económica por coidado de menores afectados por cáncer ou outra enfermidade grave.»
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 23644 (10/PNC-001873)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Blanco Rodríguez, Noela e Torrado Quintela, Julio
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para previr e combater a ludopatía entre a mocidade
BOPG nº 251, do 01.02.2018
 
Sométese a votación a transacción coa emenda do G. P. de En Marea, doc. núm. 29212, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a previr e combater a ludopatía entre a mocidade poñendo en marcha, entre outras, as seguintes medidas:
 
1. Habilitar mecanismos de control no risco de máquinas comecartos, con toda a urxencia posible, ao ser o risco de adicción máis estendido.
 
2. Establecer unha regulación clara, concisa e estrita sobre os distintos programas de incitación á práctica das diversas modalidades de xogo en liña, incidindo fundamentalmente na regulación da publicidade.
 
3. Realizar campañas de sensibilización e prevención da ludopatía, dotadas orzamentariamente, con proxectos dirixidos a menores e que incorporen a perspectiva de xénero.
 
4. Expor na Comisión de Xogo de Galicia (creada a través da Lei 14/85, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, como órgano de estudo, coordinación e asesoramento das actividades relacionadas coa práctica de xogos e apostas en Galicia) o desenvolvemento de defensa dos sectores máis vulnerables, especialmente os e as menores, aplicando o principio de responsabilidade da Administración para que se establezan mecanismos de regulación de obrigado cumprimento, priorizando os intereses da sociedade en xeral e non só os intereses dos axentes económicos.
 
5. Valorar a posibilidade de:
a) Realizar un estudo sobre a incidencia das condutas de risco relacionadas co xogo na poboación galega, distinguindo idade e sexo, e os servizos de rehabilitación existentes no territorio.

b) Organizar cursos de formación para profesorado, pediatras e profesionais da Atención Primaria en relación á detección de condutas adictivas e a actuación profesional a seguir.»

- 27080 (10/PNC-002089)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e cinco deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa atención ás persoas con dano cerebral adquirido
BOPG nº 272, do 07.03.2018
 
Sométese a votación por puntos co resultado que se reflicte a seguir:

Puntos 1 e 2 (votación conxunta): rexeitados por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
Punto 3: aprobado pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a poñer en marcha unha estratexia galega de atención ás persoas con dano cerebral adquirido, para que conten de maneira integral con atención sanitaria, psicolóxica, de reinserción social e laboral, e que permita poñer en marcha estas medidas de forma coordinada entre todas as Administracións implicadas na atención ao colectivo. De xeito inmediato, procederase a garantir a atención en tempo e forma, sen listas de espera, para evitar secuelas derivadas das demoras na rehabilitación.»

- 27851 (10/PNC-002160)
Grupo Parlamentario de En Marea
Vázquez Verao, Paula
Sobre o inicio pola Xunta de Galicia, antes do ano 2020, da construción dunha residencia pública para persoas maiores asistidas no concello da Estrada
BOPG nº 280, do 21.03.2018
 
Sométese a votación a transacción coa autoemenda do G. P. de En Marea, doc. núm. 29229, e as emendas dos GG. PP. Popular de Galicia, doc. núm. 29257, e do Bloque Nacionalista Galego, doc. núm. 29263, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
— Estudar, antes de final do ano 2018, as necesidades presentes e futuras de prazas públicas en residencias de maiores no concello da Estrada e na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, para acoller unha nova residencia na mellor localización posible, estudando as posibilidades de edificios públicos existentes, e remitir ao Concello da Estrada o resultado do dito informe.
 
— Iniciar, antes de 2020, co compromiso da Xunta de Galicia, a dotación de prazas públicas suficientes en residencias de maiores para acoller a demanda presente e futura na Estrada e na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, comprometéndose coa petición unánime do Concello da Estrada da necesidade dunha residencia pública no municipio.»
 

Imaxes relacionadas