saltar ao contido

Santalices reclama “un gran pacto de Estado coa participación de todos para blindar o futuro das pensións”

 
• O presidente do Parlamento participou este mediodía en Ourense no XLV Congreso Rexional de Viúvas, onde felicitou a estas asociacións polo labor que desempeñan
 
Santiago, 5 de maio de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reclama “un gran pacto de Estado, entre todos e coa participación de todos, para blindar o futuro das nosas pensións”, segundo sinalou este mediodía en Ourense, nunha intervención pronunciada no marco do XLV Congreso
Rexional de Viúvas.
 
Recordou Santalices que se ben “nos últimos tempos se teñen producido avances, continúa resultando imprescindible unha implicación activa de todo o arco parlamentario estatal máis aló da estratexia curtopracista de cada formación”.
Apuntou que sería “inxusto” non recoñecer os avances dos últimos anos, e saudou tamén a aposta da Xunta polas pensións non contributivas a través dun complemento que renova anualmente.
 
“Non pode ser –dixo- que os partidos políticos utilicen as pensións e os pensionistas, un día e outro tamén, como arma de confrontación política. Hai que sentarse e buscar unha solución definitiva, que garanta a viabilidade das pensións e retire este asunto do debate político cotiá, porque xera intranquilidade e iso non é bo para ninguén”.
 
Santalices felicitou ás asociacións de viúvas polo traballo que desenvolven tanto no ámbito da socialización -“xa se sabe que relacionarnos con outras persoas e levar unha vida activa e bo para a nosa saúde física e tamén para a mente”-, como na defensa dos dereitos do colectivo e na axuda á resolución de problemas.
 
Maior esperanza e calidade de vida
 
Recordou tamén o presidente do Parlamento que “o perfil da terceira idade mudou moito e seguirá mudando para mellor nos vindeiros anos” como consecuencia do incremento da esperanza de vida, pero tamén da crecente calidade de vida derivada dos coidados médicos.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina