saltar ao contido

O presidente da Calre asistirá ao peche da Porta Santa

 
Giovanni Kessler, presidente do Consello da rexión autónoma de Trento, desprazarase a Santiago en representación dos parlamentos das 74 rexións europeas con competencias lexislativas
 
• Acode invitado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e logo de que na última asamblea da Calre se aprobase unha declaración institucional de apoio ao Xacobeo e aos camiños de Santiago

Santiago, 28 de decembro de 2010.- O presidente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), e presidente do Consello da rexión autónoma de Trento, Giovanni Kessler, asistirá o próximo venres, 31 de decembro, ao peche da Porta Santa da Catedral de Santiago, en representación dos parlamentos das 74 rexións europeas con competencias lexislativas.
 
Giovanni Kessler participará nos actos de clausura do Xacobeo 2010 en Santiago atendendo unha invitación cursada pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera.
 
Apoio da Calre ao Xacobeo
 
A visita de Kessler prodúcese pouco despois de que a XIV Aasemblea Plenaria da Calre, celebrada en Trento en outubro pasado, aprobase unha declaración institucional de apoio á celebración do Xacobeo 2010 e na que animaban aos poderes públicos de Europa a manter vivo o legado dos Camiños de Santiago por entender que a Ruta Xacobea  é un patrimonio común que forma parte da cultura europea.
 
Integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas, consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oitos países diferentes e representan a máis de 200 millóns de habitantes.
 
A partir do vindeiro 1 de xaneiro, Giovanni Kessler será substituído na Presidencia da Calre por Nazario Pagano, presidente do Consello Rexional dos Abruzzos, aínda que continuará como vicepresidente da conferencia.
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina