Uns 3.000 alumnos de 88 centros públicos visitaron o Parlamento e a Xunta no marco do programa “Coñece as túas institucións”

 
• Esta iniciativa está impulsada polo Parlamento e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  para divulgar o papel das institucións autonómicas e explicar a separación de poderes ao estudantado
 
• Excepcional acollida deste programa nos seus tres primeiros meses de vida
 
• Alumnado de catro centros educativos de Galicia participa hoxe na derradeira xornada de visitas deste curso escolar

Santiago, 8 de xuño de 2018.- Un total de 3.000 alumnos e alumnas, matriculados en 88 centros públicos da Comunidade Autónoma visitaron o Parlamento de Galicia e a Xunta no marco do programa “Coñece as túas institucións”, posto en marcha a mediados de marzo deste ano.
 
A elevada participación rexistrada durante estes tres meses revela a excepcional acollida desta proposta entre a comunidade educativa á que vai dirixida.
 
Este venres tivo lugar a derradeira xornada do programa “Coñece as túas institucións” deste curso escolar coas visitas dos IES Salvador de Madariaga (A Coruña); o CEIP A Ponte (Ourense); o IES As Barxas (Moaña); e o CEIP M. Mato Vizoso (Vilalba).
 
“Coñece as túas institucións” foi impulsado polo Parlamento e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para divulgar o papel das institucións autonómicas, explicar a separación de poderes e impulsar os valores democráticos. Está dirixido a escolares de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos da Comunidade Autónoma. Os custes do desprazamento son
asumidos polas institucións promotoras.
 
Solicitude a través da web
 
Este programa de visitas volverá ofertarse no vindeiro curso escolar. De feito, os centros interesados en participar xa o poden solicitar a través da web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamento.gal/AsTuasInstitucions/).
 
Antes de participar na visita guiada ao Parlamento e á Xunta,
o alumnado deberá ter participado nun programa didáctico na aula, a partir os materiais educativos facilitados polas institucións. Neste sentido, o Parlamento ofrece, na súa páxina web, unha Guía para o Profesorado a un Caderno de traballo para o alumnado, con contidos  e propostas didácticas diversas, acordes cos diferentes niveis educativos.
 
Esta iniciativa enmárcase na aposta do presidente do Parlamento por incrementar a apertura da institución desde unha dobre estratexia: impulsar as visitas á sede da Cámara galega e multiplicar a presencia social do Parlamento para dalo a coñecer.
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas