O Parlamento de Galicia incorporará na súa contratación pública aos centros especiais de emprego para persoas con discapacidade

 
• A Cámara Galega e a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) asinaron un protocolo de colaboración que senta as bases para avanzar na integración das persoas con discapacidade

Santiago, 18 de xuño de 2018.- O titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Gegasal), José Antonio Vázquez Freire, asinaron hoxe un protocolo de colaboración encamiñado a avanzar na integración das persoas con discapacidade e das persoas en situación de risco de exclusión social.
 
Con ese obxectivo, e dentro das súas posibilidades, a  administración do  Parlamento de Galicia comprométese a impulsar unha reserva de contratos públicos para centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que ofrecen unha oportunidade laboral a persoas con discapacidade.
 
As partes asinantes tamén impulsarán o coñecemento sobre os servizos e actividades que realizan os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asociados a Cegasal e divulgarán o papel que desenvolven na xeración de emprego para persoas con discapacidade.
 
A sinatura deste documento enmárcase na aposta do presidente do Parlamento a prol da integración das persoas con discapacidade. A Cámara galega convocou en datas recentes unha praza de uxier reservada para persoas con discapacidade intelectual. Ademais, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia, no exercicio de 2018, está reservada para persoas con discapacidade intelectual.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas