• O método basearase na análise dos erros máis frecuentes detectados nos discursos transcritos no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia
• Comezará na segunda quincena de xaneiro e terá tres meses de duración
• A presidenta da Cámara considera que reforzando a comprensibilidade dos deputados mellora tamén a confianza dos cidadáns nas institucións
Santiago, 10 de xaneiro de 2010.- O Parlamento de Galicia ofrecerá, no primeiro trimestre de 2011, un curso de galego co obxectivo de contribuir a perfeccionar a producción oral e incrementar a eficacia da expresión das deputadas e deputados, reforzando a comprensibilidade e a fluidez discursiva.
O curso, opcional, comezará na segunda quincena de xaneiro e durará arredor de tres meses, con clases semanais de hora e media de duración.
Esta actividade enmárcase na aposta da Cámara por mellorar o uso do galego na súa condición de lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia e tanmén como unha das principais sinais de identidade.
Reforzar a confianza
Con esta actividade, froito da colaboración entre o Parlamento de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a titular da Cámara, Pilar Rojo, busca reforzar a confianza dos cidadáns nas institucións democráticas, por entender que a mellora da fluidez a comprensibilidade do discurso parlamentario redunda en beneficio do conxunto da clase política.
Para desenvolver a actividade formativa, tomaranse como base os textos publicados no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, evidenciando e corrixindo, deste xeito, os erros máis frecuentes detectados nos discursos dos deputados galegos.
Os deputados que se inscriban neste curso recibirán formación específica para mellorar a corrección lingüística, abordando aspectos como a prosodia, ou desviacións do léxico estándar (castelanismos, arcaísmos, hiperenxebrismos, vulgarismos, lusismos, etc), entre outros.
Saúdos, Gabinete de Comunicación