• Santalices reitera a súa aposta por “abrir o Parlamento” e anima a utilizar as “fórmulas novidosas de participación cidadá” que ofrece a Cámara
• Apunta que impulsar as relacións coa lusofonía é unha tarefa “tan lóxica como obrigada” para a institución, porque a cultura galega “ten vocación de universalidade”
Santiago, 2 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia recibiu hoxe o XXXIV premio “Celanova, Casa dos poetas”, concedido polo Padroado da Fundación Curros Enríquez. O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recolleu o galardón, que considerou “un estímulo para seguir traballando e que nos obriga a intensificar o noso esforzo” nos ámbitos que premio recoñece.
Referíase Santalices á súa aposta por “manter e reforzar o traballo da Cámara no ámbito da cultura galega, mesmo cunha programación cultural propia”, e tamén a “abrir o Parlamento”, de maneira que a xente poda coñecer a sede da institución e tamén que a institución “estea presente e se faga visible entre a xente”. Recordou, ademais, a existencia de “fórmulas novidosas” para facilitar a participación da cidadanía na vida parlamentaria, sexa impulsando proposicións de lei e non de lei, formulando comentarios ou suxestións aos proxectos lexislativos en tramitación ou propoñendo preguntas ao Goberno, sempre nun contexto de transparencia. “Galicia foi pioneira e marcou o camiño a seguir por outros parlamentos”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia.
O Premio “Celanova, casa dos poetas” recoñece tamén o impulso do Parlamento de Galicia ás relacións cos lusofonía, “unha tarefa tan lóxica como obrigada”, máxime logo de ter aprobado, por unanimidade, a lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos cos lusofonía.
O bilingüismo, un tesouro
Para Santalices, “o noso bilingüismo é un auténtico tesouro” na medida en que falar galego e castelán permíteme a comunicación con 500 millóns de castelán falantes e con 250 millóns de persoas de fala lusófona.
Ao seu xuízo, “a cultura galega ten, desde sempre, vocación de universalidade, un potencial que desde os poderes públicos estamos obrigados a reforzar, como facemos desde o Parlamento na medida das nosas modestas posibilidades”.
O titular do Parlamento de Galicia referiuse tamén ás relacións de veciñanza entre galegos e portugueses. “A fronteira sempre foi un concepto difuso, unha prolongación natural de nós mesmos e das nosas familias, herdanza viva da Gallaecia de outrora”.
Parlamentarismo, esencia da democracia
Santalices Vieira expresou o seu agradecemento á Fundación Curros Enríquez pola concesión deste premio, do que destacou a súa “forte carga simbólica”. “Nuns tempos nos que tanto se cuestiona a política, os políticos e as propias institucións, este recoñecemento acredita que hai razóns para a esperanza e que con todos os seus erros, que debemos esforzarnos en corrixir, o parlamentarismo continúa sendo a esencia da democracia e da convivencia harmónica entre persoas que opinan de maneira diferente”.
Ao recoller o premio, afirmou Santalices, “as 75 deputadas e deputados da Cámara galega reiteramos o solemne compromiso de nos esforzar cada día no exercicio da alta representación que nos foi outorgada nas urnas; desde o respecto ás lexítimas diferenzas ideolóxicas que enriquecen o debate, pero facémolo, sobre todo, na procura dunha Galicia mellor”.
Santalices compartiu o premio cos presidentes e presidentas que o precederon na Presidencia da Cámara, “porque o que aquí se recoñece hoxe non xurdiu antonte” e agradeceu a concesión do mesmo, en nome propio, no de todas as persoas que teñen ocupado un escano desde a constitución da Cámara e no do persoal da institución, “que cada día poñen o mellor de si mesmos ao servizo do Parlamento e da Comunidade Autónoma”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.