saltar ao contido

Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de setembro de 2018

 

4.1 - 33421 (10/MOC-000100)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa violencia sexual (Moción a consecuencia da Interpelación nº 30285, publicada no BOPG nº 302, do 9.5.2018, e debatida na sesión plenaria do 10.7.2018)
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 338, do 19.07.2018

 
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento Galego acorda instar á Xunta de Galicia a:
 
1.-Seguir a desenvolver a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero en canto á sensibilización, prevención e tratamento integral da violencia sexual como violencia machista, incrementando no vindeiro exercicio orzamentario o orzamento consignado para a igualdade de xénero, así como a prevención e intervención no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
 
2. Continuar a desenvolver campañas informativas para fomentar na sociedade o coñecemento de que as ferramentas e recursos contra a violencia machista, como poden ser os CIMs, o teléfono 016, a app ‘Escapp’ e a app ‘Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual’, están a disposición para o atendemento e asesoramento tamén diante de agresións sexuais, tanto para as vítimas como para terceiras persoas.
 
3. Incluír nos obxectivos da comisión de traballo creada no seo do Observatorio galego da Violencia de Xénero, o seguimento da implantación e grao de cumprimento do Protocolo de coordinación e cooperación institucional que se aprobou no 2017, ao respecto das distintas formas de violencia, tamén a sexual, en tódalas súas áreas de actuación.
 
4. Incluír na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade un apartado específico visíbel na pantalla de inicio con información sobre as violencias sexuais e os seus recursos de atención e intervención.
 
5. Reflectir dentro do informe anual de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, da Secretaría Xeral de Igualdade, no apartado de análise e magnitude da violencia de xénero, os datos relativos as violencias sexuais denunciadas durante o período de estudio, desagregándoos por sexo, idade, e tipoloxía da agresión ou abuso.
 
6. Elaborar unha macroenquisa galega, en termos cuantitativos e cualitativos, sobre a incidencia das violencias machistas ao longo do ciclo da vida das mulleres, onde se inclúan apartados específicos sobre as violencias sexuais”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina