O presidente do Parlamento eloxia a calidade do sistema sanitario público, “un dos mellores do mundo”

 
• Inaugurou esta mañá o Foro “Innovación en Sanidade: Actuando en todas as súas dimensións”, que se celebra no Parlamento de Galicia
 
• Santalices reivindica a estratexia de apertura do Parlamento de Galicia á sociedade e apunta que “foros como este son importantísimos para que deputados e profesionais intercambien opinións sobre o futuro da sanidade”
 
Santiago, 27 de setembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, inaugurou esta mañá o Foro “Innovación en Sanidade: actuando en todas as súas dimensións”, que se celebra na Cámara galega coa participación de expertos do mundo académico, sanitario, empresarial e de xestión. 
 
Santalices enmarcou a celebración destas xornadas no compromiso de converter ao Parlamento de Galicia nunha institución aberta e amosouse confiado en que este tipo de actividades, sen custe para a institución, podan aportar opinións e visións diversas, aínda que iso non implique a asunción dun ou doutro postulado por parte da institución. “Sirve para o debate e o enriquece”, afirmou.
 
Recordou que a recente concesión do Premio “Celanova, Casa dos Poetas” ao Parlamento por, entre outras medidas, a estratexia de apertura, anima á institución a intensificar esta liña de traballo.
 
A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “foros como este son importantísimos para que deputados e profesionais intercambien opinións sobre o futuro da sanidade”.
 
Agregou o Santalices que “a xestión da sanidade –algo do que todos presumimos, un modelo universal, dos mellores sistemas sanitarios do mundo- necesita mecanismos para que dalgún xeito podamos seguir contando con este sistema sanitario excelente que temos”.

Imaxes relacionadas