• O presidente do Parlamento participou na inauguración da mostra Galicia-Baviera, instalada no Museo do Pobo Galego con obras de artistas dos dous territorios
• Subliña que o intenso sentimento de identidade de cada territorio, como sucede en Galicia e en Baviera, “non impide que sexamos e nos sintamos españois e alemáns de pleno dereito, orgullosos da nosa condición de europeos”
Santiago, 26 de novembro de 2018.- “Sexa a través da arte ou da literatura –como acabamos de facer en Lisboa a través dunha iniciativa de promoción das nosas letras e achegamento á lusofonía da que formamos parte-, a cultura, na súa diversidade, foi, é e será sempre motor de progreso, de paz e de prosperidade para os pobos”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da exposición “Galicia-Baviera, que estar tarde quedou aberta ao público no Museo do Pobo Galego, en Santiago.
A exposición, comisariada por Antón Sobral e Hubert Huber, reúne obras de 33 artistas galegos e bávaros contemporáneos e conta co apoio do Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo e o Museo do do Pobo Galego, ademais de diferentes entidades de Baviera. Unha vez clausurada en Santiago, a mostra trasladarase a Neuburg, en Baviera, na primavera do ano próximo.
Santalices explicou que a implicación do Parlamento de Galicia nesta iniciativa obedece a un dobre motivo. Por unha parte, referiuse ao “compromiso artístico” do Lexislativo galego, depositario dunha valiosa e variada colección de arte galega contemporánea, tanto propia como en depósito. E tamén á estratexia do Parlamento de Galicia para “divulgar a cultura galega alén das nosas fronteiras xeográficas”, como vén facendo desde hai tempo no marco do compromiso adquirido no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE).
Recordou o presidente do Parlamento o “sentimento rexional acentuado” que se rexistra en boa parte dos territorios europeos, como acontece tamén en Galicia e en Baviera. “Posuímos unha cultura e unha forma de ser diferenciadas, das que nos sentimos intensamente orgullosos, sen que nada diso impida -máis ben o contrario- que sexamos e nos sintamos españois e alemáns de pleno dereito, orgullosos da nosa condición de europeos”, afirmou.
Fortalecer a integración europea
Santalices Vieira reivindicou a utilidade de intercambios como o que hoxe abriu as súas portas en Santiago para fortalecer a integración europea nun contexto no que as institucións e políticas comunitarias son percibidas como unha “estrutura unidireccional e afastada, imposta de arriba cara abaixo con escasa ou nula participación da cidadanía”.
Por iso, “iniciativas como esta exposición Galicia-Baviera, resultado do traballo conxunto de artistas galegos e bávaros desde hai máis de dúas décadas, contribúen, de maneira destacada, ao proceso de construción da sociedade europea como un todo que, desde a diversidade, é quen de traballar co mesmo obxectivo común, na procura dun horizonte con máis e mellores oportunidades para todos os territorios e colectivos”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.