Santiago, 5 de novembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe nun coloquio con integrantes do Real Aeroclub de Santiago de Compostela, aos que explicou os diferentes mecanismos de participación cidadá habilitados pola Cámara galega.
Explicou Santalices que a Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, aprobada en 2015, ampliou as posibilidades existentes ata entón e reduciu os requisitos esixibles. Na actualidade, a participación cidadá no Parlamento de Galicia pode materializarse a través de cinco modalidades diferentes: proposicións de lei de iniciativa popular, participación popular na elaboración das leis, proposición non de lei de iniciativa popular, proposta de preguntas ao Goberno, e dereito de petición perante o Parlamento de Galicia.
O presidente do Parlamento apuntou que ademais de apoiar a participación popular, a Cámara galega está inmersa nunha estratexia de apertura da institución nunha dobre dirección: que a cidadanía visite a coñeza a sede do Lexislativo galego, e tamén que deputados e deputadas teñan unha maior presenza na sociedade.
O coloquio de hoxe, canda outras charlas e conferencias que o precederon, enmárcanse precisamente na aposta da Cámara por incrementar a súa proxección exterior.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.