saltar ao contido

O Parlamento de Galicia convértese na primeira Cámara autonómica en contar con sede electrónica


• A medida pon a disposición de deputados, persoas e empresas todos os servizos de administración electrónica existentes na actualidade e supón a plena adaptación á lexislación máis recente na materia
 
• Reforza as posibilidades de participación cidadá no Parlamento, e completa a dixitalización de procedementos como a licitación e  a factura electrónica
 
Santiago, 28 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia é, desde hoxe, a primeira Cámara lexislativa autonómica en contar cunha sede electrónica plenamente operativa que pon a disposición de deputados, empresas e cidadanía tecnoloxía e procedementos de vangarda en materia de administración electrónica, ao tempo que garante a plena adaptación da plataforma á lexislación máis recente neste ámbito.
 
O titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recorda que “o Parlamento de Galicia conta desde 2015 cos procedementos de participación cidadá máis avanzados de España -é o único, por exemplo, que contempla a presentación de proposicións non de lei de iniciativa popular-, e agora lidera a oferta de sede electrónica, nunha aposta decidida pola innovación”. Outros lexislativos autonómicos están a desenvolver as súas sedes electrónicas, pero aínda non entraron en servizo.
 
A sede electrónica do Parlamento de Galicia foi desenvolvida pola empresa Indra, gañadora do concurso público convocado a tal efecto pola Administración parlamentaria.
 
Colaboración de Amtega
 
O Parlamento de Galicia agradece tamén a colaboración prestada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que comparte coa Cámara galega  servizos comúns no ámbito das TIC do sector público autonómico.
 
 
Funcionalidades
 
Entre outras funcionalidades, a sede electrónica do Parlamento de Galicia permite a presentación, a través da web, de todos os documentos relacionados cos procedementos que tramita o Parlamento de Galicia, tanto no ámbito da participación cidadá na actividade parlamentaria, como os vinculados coa licitación electrónica ou o Rexistro de facturas.
 
 
Sistemas dixitais
 
A sede electrónica do Parlamento susténtase en diferentes sistemas dixitais, implantados a partir da colaboración brindada pola Amtega.
 
Trátase  da Chave365, que permite aos cidadáns maiores de idade identificarse e asinar documentos na sede electrónica en necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico; a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código, único para cada operación, que recibe no seu teléfono móbil. 
 
A Validación de certificados permite verificar a validez do certificado (calquera dos admitidos pola sede electrónica), ou certificados, empregados para asinar un documento. Os certificados admitidos son todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
O Selado de tempo ten como obxectivo funcional a realización de operacións de selado de tempos, que garante de forma legal e inequívoca que o documento non foi alterado dende o momento do seu selado.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina