Mocións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 4 de decembro de 2018

Mocións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 4 de decembro de 2018
 
3.2 40795 (10/MOC-000115)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co impacto que está a ter en Galicia a suba constante do prezo da electricidade. (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 38087, publicada no BOPG n.º 354, do 12.09.2018, e debatida na sesión plenaria do 20.11.2018)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar en defensa dos puntos acordados no Parlamento galego no pleno do 23 de outubro e dos puntos demandados no escrito remitido polo Comité de Empresa de Alcoa á Xunta de Galicia e ao Goberno de España con data de rexistro de 30 de outubro de 2018.
 
Neste contexto, seguirá a impulsar unha unidade de acción para garantir o mantemento da actividade empresarial e o emprego en Galicia entre a empresa, os traballadores e as administracións públicas”.

3.4 40805 (10/MOC-000117)
Grupo Parlamentario de En Marea
Quinteiro Araújo, Paula e Chao Pérez, Luca
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas condicións laborais das mulleres que traballan limpando pisos, hoteis e apartamentos. (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 38579, publicada no BOPG n.º 371, do 16.10.2018, e debatida na sesión plenaria do 20.11.2018)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego insta a Xunta de Galicia a: 
 
Apartado A.
 
1. Demandar do Goberno do Estado que continúe co estudo e as medidas que está levando a cabo en relación ás condicións de traballo que se dan no sector de aloxamento turístico e particularmente nos hoteis, incorporando a perspectiva de xénero.
 
2. Impulsar o diálogo social entre a patronal e as organizacións sindicais para mellorar a calidade do emprego no sector turístico, con especial fincapé en posibles colectivos en risco por prexuizos de xénero.
 
3. Reunirse cos representantes do sector turístico creando un grupo de traballo específico en materia de xénero, que impulse medidas no ámbito da sensibilización, da formación e da aplicación de criterios de contratación que protexan aos colectivos en risco.
 
Apartado B.
 
Solicitar do Goberno central:
 
1. Se aumente o número de inspectores e inspectoras de traballo da seguridade social de Galicia en consonancia co contemplado no Plan Director por un emprego digno, aprobado polo Goberno do Estado. Así como as inspeccións que se levan adiante no sector turístico e que afectan ás condicións das traballadoras.
 
2. Se inicie e axilice o procedemento de analise das condicións de traballo do sector de cara a posibilitar o recoñecemento da xubilación anticipada en función da natureza do traballo das camareiras de piso”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas