O Parlamento de Galicia celebra o próximo venres a segunda xornada conmemorativa do 40 aniversario da Constitución


 
• Dará continuidade á do pasado 3 de decembro e contará coa participación de políticos galegos que participaron nos pactos do Hostal como José Luis Barreiro, José Rivas Fontán, Francisco Vázquez, Luis Sobrado e Carlos Barros
 
• Incluirá unha conferencia do catedrático de Historia Justo Beramendi, que será presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega; unha mesa redonda coa participación de portavoces parlamentarios e será clausurada polos presidentes da Xunta e do Parlamento
 
Santiago, 15 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro venres, 21 de decembro a segunda das xornadas conmemorativas organizadas pola Cámara galega no marco do 40 aniversario da Constitución española.
 
Baixo o título Da Constitución española de 1978 ao Estatuto de Autonomía de Galicia, a xornada comezará cunha conferencia do historiador e catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi González, que falará sobre 38 anos do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Contexto histórico. Será presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco.
 
Acto seguido, está prevista unha mesa redonda, moderada por Ramón Villares Paz, catedrático de historia contemporánea da USC e ex-presidente do Consello da Cultura Galega, titulada Da Constitución do 78 aos pactos do Hostal. Participarán José Luís Barreiro Rivas (AP), José Rivas Fontán (UCD), Francisco Vázquez Vázquez (PSdeG-PSOE), Luis Sobrado Fernández (PG) e Carlos Barros Guimeráns (PCG).
 
A derradeira mesa redonda da xornada analizará O Estatuto de Autonomía de Galicia: balance e perspectiva, e contará coa participación dos portavoces do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares Naveira; e do  Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga. Sera moderada pola xornalista Carmen Lourido. Foron convidados os catros grupos parlamentarios representados na Cámara.
 
Inscrición a través da web do Parlamento
 
O programa completo das xornadas, así como o formulario de inscrición para as persoas que desexen asistir están dispoñible na web do Parlamento de Galicia: https://goo.gl/8qAxQU. As xornadas son abertas ao público, previa inscrición. Os asistentes recibirán diploma de asistencia.
 
A clausura desta xornada correrá a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que será precedido no uso da palabra polo titular do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
Esta xornada dá continuidade á celebrada o pasado 3 de decembro baixo o título Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas