Santalices afirma que “Galicia demostra que autogoberno e identidade diferenciada son compatibles coa lealdade institucional e o respecto á Constitución”

• Clausurou no Parlamento, canda o presidente da Xunta, a xornada Da Constitución Española de 1978 ao estatuto de Autonomía de Galicia
 
• A xornada –a segunda que organiza o Parlamento no marco do 40 aniversario da Constitución- celébrase a mesma data na que en 1980 se aprobou en referendo o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia
 
Santiago, 21 de decembro de 2018.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou este mediodía  que “hoxe, o igual que no pasado recente, Galicia está a demostrar con feitos que conceptos como autonomía, como autogoberno, como identidade diferenciada, son e deben ser absolutamente compatibles con outros igual de imprescindibles como lealdade institucional, respecto ao marco constitucional, xestión responsable, credibilidade ou solvencia económico-financeira”.
 
Santalices facía esta reflexión antes de dar paso ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na acto de clausura da xornada Da Constitución española de 1978 ao Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrada ao longo da mañá no Pazo do Hórreo no marco da conmemoración do 40 aniversario da vixente Carta Magna.
 
 
Galicia como exemplo
 
Para  Santalices, nas catro décadas transcorridas desde a aprobación da Constitución  “as luces impóñense sobre as sombras” e “Galicia converteuse, por méritos propios, en guía e exemplo para moitos”.
A xuízo do presidente da Cámara lexislativa, “como nacionalidade histórica, dona dunha historia, unha lingua e unha cultura de seu, Galicia séntese orgullosa, ao tempo, de ser e actuar como parte indisoluble do conxunto de nacionalidades e rexións que conforman España; participa activamente na integración europea, nun continente co que mantén unha relación secular fraguada arredor do Camiño de Santiago; e cultiva e alenta os seus vínculos fraternais con Iberoamérica”.
 
Santalices Vieira agradeceu a participación dos diferentes ponentes que participaron nesta xornada e destacou especialmente o papel xogado no seu momento polos artífices dos Pactos do Hostal “que volveron situar o proxecto de Estatuto de Galicia na senda do autogoberno  pleno, constitucional e responsable”, superando así os intentos de converter daquela a Galicia  nunha “comunidade de segunda”.
 
 
Aniversario do Estatuto
 
A xornada celebrada hoxe –un 21 de decembro, data na que en 1980 se aprobou en referendo o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia- dá continuidade á do pasado 3 decembro, que se centrou na Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia.
A actividade comezou cunha conferencia do historiador e catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi González, que falou sobre 38 anos do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Contexto histórico. Foi presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco.
Acto seguido tivo lugar unha mesa redonda, moderada por Ramón Villares Paz, catedrático de historia contemporánea da USC e ex-presidente do Consello da Cultura Galega, titulada Da Constitución do 78 aos pactos do Hostal, na que participaron José Luís Barreiro Rivas (AP), José Rivas Fontán (UCD), Francisco Vázquez Vázquez (PSdeG-PSOE), Luis Sobrado Fernández (PG) e Carlos Barros Guimeráns (PCG).
A derradeira mesa redonda da xornada analizou O Estatuto de Autonomía de Galicia: balance e perspectiva, e contou coa intervención dos portavoces do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares Naveira; e do  Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy Fraga. Foi moderada pola xornalista Carmen Lourido. Foron convidados os catros grupos parlamentarios representados na Cámara.

 

Imaxes relacionadas