saltar ao contido

Acordos da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 06-02-2019

A Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 6 de febreiro de 2019, adoptou os seguintes acordos:

Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión

Aprobación sen modificacións

- 42305 (10/PNC-003431)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Arias, Marta e 6 máis
Sobre as medidas para mellorar o acollemento familiar dos nenos e nenas e adolescentes e o acollemento familiar de menores estranxeiros non acompañados
BOPG n.º 410, do 14.01.2019

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento insta a Xunta de Galicia a seguir apostando polo acollemento familiar dos nenos, nenas e adolescentes que estean baixo o sistema de protección co fin de acadar máis do 60% e de impulsar o acollemento familiar de menores estranxeiros non acompañados."

Aprobación con modificacións

- 41353 (10/PNC-003362)
Grupo Parlamentario de En Marea
Vázquez Verao, Paula e Villares Naveira, Luis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central para mellorar as condicións de vida das persoas xordocegas
BOPG n.º 397, do 13.12.2018

Sométese a votación por puntos a transacción coa emenda do G. P. dos Socialistas de Galicia, doc. núm. 45461, cos resultados seguintes:

Puntos 1 e 2, aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

Puntos 3, 4, 5 e 6: rexeitados por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.

O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:

" O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Colaborar co Goberno do Estado para a realización dun censo efectivo e real das persoas xordocegas.
2. Dirixirse ao Goberno do Estado para regular, en colaboración coas entidades sociais, a aplicación de todos os productos dun sistema de identificación en sistema braille que indique o contido do produto, así como a instalación de códigos e lectores dos mesmos que indiquen mediante sons de que productos se trata."

Aprobación por unanimidade con modificacións

- 41230 (10/PNC-003353)
Grupo Parlamentario de En Marea
Solla Fernández, Eva
Sobre a dotación pola Xunta de Galicia ao novo centro de saúde da Estrada dunha base para a ambulancia do 061, así como dun lugar de descanso para os traballadores
BOPG n.º 397, do 13.12.2018

Sométese a votación a transacción coa emenda do G. P. Popular de Galicia, doc. núm. 45485, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a iniciar os trámites necesarios, en colaboración co concello, para a ubicación anexa ao novo centro de saúde da Estrada, dunha base para a ambulancia do 061 e para os seus traballadores."

Aprobación por unanimidade sen modificacións

- 42683 (10/PNC-003449)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Blanco Rodríguez, Noela e 2 máis
Sobre a exixencia do cumprimento da normativa e dos estándares de calidade exixidos para os centros residenciais e do funcionamento da residencia de maiores de Trives (Ourense)
BOPG n.º 414, do 18.01.2019

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Realizar una inspección de maneira urxente na residencia de maiores de Trives (Ourense), para comprobar o estado no que se atopan as súas instalacións, así como que se cumpre coa ratio mínima de persoa de atención directa en réxime de xornada completa de 0,20 por residente con autonomía, e de 0,35 por residente dependente establecida pola lexislación vixente, así como garantir a vixilancia e o coidado da saúde dos residentes por persoal cualificado para esta función, coa presenza localizada de persoal médico, e coa presenza física de ATS ou DUE as 24 horas, tal e como establece a normativa actual.

En caso de detectar irregularidades na inspección deste centro, tomar todas as medidas ao seu alcance para garantir que de maneira urxente se subsanen ditas deficiencias.

2. Esixir aos centros residenciais que manteñan actualizados, permanentemente, os datos que consten no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos sociais (RUEPSS) en canto instrumento público de publicación e de ordenación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

3. Reforzar o labor inspector, incrementando durante a X lexislatura os recursos humanos para vixiar os incumprimentos da normativa ou estándares de calidade esixidos, adoptando en caso de que sexa necesario as medidas sancionadoras recollidas na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

4. Dotarse de maneira urxente dun sistema informático normalizado para a xestión do persoal dos centros da nosa comunidade autónoma co obxecto de facilitar a xestión, e ofrecer información precisa da cobertura efectiva das xornadas de traballo."

- 42789 (10/PNC-003454)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre o número de centros de saúde construídos e que se van construír en Galicia
BOPG n.º 414, do 18.01.2019

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a que presente neste Parlamento un informe no prazo máximo dun mes coa seguinte información:

. Relación dos 54 centros de saúde construídos, con data de inicio e de finalización e orzamento de cada un deles.
. Relación dos 20 centros de saúde que se van construír ou ampliar con data de inicio e finalización e orzamento de cada un deles.
. Relación dos 82 centros de saúde novos ou ampliados que se terán ao final de lexislatura, con data de inicio e finalización e orzamento de cada un deles."


 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina