Declaración institucional do Parlamento de Galicia sumándose ao Día Internacional da Memoria das Vítimas do Holocausto e a Prevención dos Crimes contra a Humanidade

 O Parlamento de Galicia, casa común de todas as galegas e galegos, quere sumarse ao «Día Internacional da Memoria do Holocausto e a Prevención dos Crimes contra a Humanidade», baixo a lema «Recordemos hoxe e por sempre», desde o seu máis firme compromiso coa causa da dignidade humana. Non é admisible mirar cara a outro lado ante a barbarie sen igual do Holocausto. Queremos e debemos recordala, con vergoña e horror, porque só así, recordando, podemos honrar as vítimas como estas se merecen. Só asumindo a memoria negra de Europa estaremos en condicións de afrontarmos o reto de eliminar na súa raíz as ideas criminais que levaron uns seres humanos a aniquilar outros seres humanos.
 
Recordar e lembrar é tamén unha salvagarda para o futuro, para manifestar con enerxía o noso nunca máis á inhumana perversión dos campos de exterminio, nunca máis á barbarie e á degradación dos seres humanos, nunca máis aos totalitarismos.
 
Por iso, recordamos hoxe e por sempre:
 
As vítimas da Shoah, os 6 millóns de xudeus de toda Europa que foron perseguidos e aniquilados polo simple feito de seren xudeus.
 
O millón e medio de nenos e mozos, que coa mesma crueldade foron asasinados.
 
As decenas de miles de xitanos que correron igual sorte, baixo a delirante idea de non pertenceren a unha suposta raza superior.
 
Os miles de demócratas asasinados por combateren a ideoloxía totalitaria enfrontándose aos designios criminais do nazismo.
 
As vítimas que conseguiron sobrevivir ao xenocidio, de quen aprendemos a súa lección de enteireza e loita.
 
Os que arriscando a súa propia existencia axudaron a salvar a vida doutros moitos, cuxo destino de morte os criminais xa previran.
 
E recordamos hoxe tamén de maneira especial, pola súa proximidade, os galegos e as galegas que sufriron o exilio e o exterminio nos campos do horror.
 
Por iso, manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade do home, para que nunca xamais poida repetirse unha tolemia semellante á que agora recordamos.
 
O Parlamento de Galicia non escatimará esforzos en contribuír desde Galicia a construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito.
 
 
Santiago de Compostela, o 8 de febreiro de 2011
 
 
 
Jaime Vandor, poeta xudeu nado en Viena, profesor emérito da Universidade de Barcelona e supervivente do exterminio nazi no gueto de Budapest, é o autor do texto.
 

Imaxes relacionadas