saltar ao contido

Día Internacional do Pobo Xitano - Declaración institucional

Con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, o día 8 de abril, o Parlamento de Galicia quere sumarse a esta celebración.
 
O noso ordenamento xurídico recolle a igualdade como principio e valor compartido por todos os españois e inclúe algúns artigos que avalan e permiten a posta en marcha de políticas para garantir a igualdade de oportunidades, combater a discriminación e promover a participación de todos os cidadáns e cidadás.
 
É innegable que as condicións de vida melloraron aínda que queda moito por facer; a escolarización dos nenos e nenas xitanas é unha realidade e, aos poucos, cada vez máis mozos e mozas completan a etapa de educación obrigatoria e continúan estudando na universidade; o mercado laboral, aínda que lentamente, vaise abrindo tamén aos xitanos e xitanas; o acceso a vivenda normalizada aínda non é unha realidade, e o chabolismo segue a ser un reto que abordar; e cada vez contamos con máis mecanismos e recursos para loitar contra o rexeitamento e a discriminación que sofren as persoas xitanas.
 
Así e todo, a fenda da desigualdade persiste, en especial entre as mulleres. A comunidade xitana está  sobrerrepresentada nos índices de pobreza e exclusión social; as taxas de fracaso e abandono escolar son moito máis altas entre o alumnado xitano que na media española; a taxa de desemprego da poboación xitana e o nivel de precariedade no emprego están moi por riba das porcentaxes medias, por poñer só algúns exemplos. En definitiva, a igualdade de oportunidades non é unha realidade para unha boa parte da comunidade xitana. 
 
Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, queremos subliñar os avances que se produciron no recoñecemento institucional do pobo xitano e na progresiva participación de xitanos e xitanas en todos os ámbitos da sociedade.
 
Debemos seguir apostando por políticas, iniciativas e programas que contribúan a asegurar eses dereitos sociais para todas as persoas xitanas, sen deixar a ninguén atrás, para que poidan exercer plenamente a súa cidadanía. 
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina