saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de abril de 2019

4.7 48070 (10/PNP-003633)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 14 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Fomento en relación co Plan director para o corredor Atlántico presentado o 20 de febreiro en Madrid.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 450, do 27.03.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
 “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a demandar do Ministerio de Fomento:
 
1.-  A  remisión,  á  maior  brevidade,  do  documento  íntegro  do  Plan  Director  para  o Corredor  Atlántico  que  foi  presentado  o  pasado  20  de  febreiro  en  Madrid,  ao  obxecto de  que  este  poida  ser  avaliado  en  profundidade  polas  Comunidades  Autónomas  do noroeste  peninsular  que  se   verán  beneficiadas  da  súa  inclusión  neste  corredor ferroviario.
 
2.- A elaboración dun Plan Director para o Corredor Atlántico consensuado, que recolla planificación e proxectos concretos de calidade para conseguir fondos europeos que se traduzan nunha verdadeira modernización desta liña ferroviaria, situando este corredor no mesmo nivel de prioridade que o Corredor Mediterráneo e no que se teña en conta o traballo coordinado e conxunto que veñen realizando nesta materia as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León.  Que entre os proxectos concretos do Plan Director para o Corredor Atlántico se presta unha especial atención aos seguintes:
- A conexión do ferrocarril cos portos de interese xeral, o Porto Seco de Monforte e a Plisán, así como a conexión dos grandes parques empresariais e loxísticos.
- A conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira, garantindo financiamento a cargo da Unión Europea e dos Orzamentos do Estado sen aportación de fondos económicos pola Autoridade Portuaria da Coruña, de xeito que se podan licitar e dar comezo as obras este ano 2019.
- A tramitación e aprobación da saída sur de Vigo coa previsión de licitación de proxectos ao longo do ano 2019
 
3.-  O  nomeamento  dun  Comisionado  de  ADIF  para  o  Corredor  Atlántico  con  similares funcións e competencias que o nomeado para o Corredor Mediterráneo.  
 
4.-  Traballar  con  intensidade  de  cara  á  elaboración  de  documentos  técnicos  de calidade que favorezan a recepción de fondos europeos para a liña Vigo-Porto.
 
5.- A redacción dun Plan de conservación e modernización do resto da rede ferroviaria de  Galicia  no  que,  en  coordinación  co  Plan  Director  para  o  Corredor  Atlántico,  se recollan   as   actuacións   necesarias   para   favorecer   e   mellorar   a   mobilidade   dos cidadáns. Este Plan incluirá, cando menos, as seguintes actuacións:
- Modernización da liña Ferrol-Ribadeo.
- Modernización e mellora do trazado da liña Ferrol-Coruña.
- Mellora da conexión Vigo-Porto.
- Modernización da liña Ourense-Lugo.
Asemade, primará vertebrar o territorio mediante a mellora  das conexións, frecuencias e horarios entre as principais cidades e vilas galegas.

6.- A que no marco da revisión do Regulamento Europeo 1315/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 11 de decembro de 2013, demande a inclusión do Porto de Vigo na rede básica portuaria da rede transeuropea de transportes e inste ao Goberno do Estado a que actúe no mesmo sentido”.
 
4.8 48111 (10/PNP-003635)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Moreira Ferro, Jacobo e 16 máis
Sobre a posición e as demandas que debe trasladar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa decisión da Avogacía do Estado de avirse nos recursos interpostos contra o acordo de prórroga da concesión de Ence nos terreos de Lourizán, en Pontevedra, así como sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación cos seus traballadores.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 450, do 27.03.2019 
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“1.- O  Parlamento  de  Galicia  insta  á  Xunta  de  Galicia  a  dirixirse  ao  Goberno  central para: 
 
a) Expresar  o  seu  rexeitamento  no  cambio  de  criterio  da  Abogacía  del  Estado  de allanarse  aos  recursos  interpostos  contra  o  acordo  da  propia  Administración  Xeral do Estado  de  prorrogar  a  Ence  Energía  y  Celulosa  S.A.  a  concesión  de  ocupación  dos terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán (Pontevedra) onde se atopa a súa factoría.
 
b) Solicitar  que  asuma  un  compromiso  expreso  cos  máis  de  5.000  postos  de traballo  directos  e  indirectos  ameazados,  así  como  coas  80.000  familias  galegas  que verían  afectadas  as  súas  rendas  da  venda  de  madeira,  e  rectifique  a  decisión  de allanarse  aos  recursos  xudiciais  indicados  no  punto  anterior,  ao  supoñer  un  acto  de inxerencia política nunha decisión administrativa que seguiu un expediente regrado.
 
c) Instar  a  salvagardar  os  principios  de  lealdade  institucional,  cooperación  e coordinación entre Administracións, comunicando e consensuando co Goberno Galego as decisións que afecten á nosa Comunidade Autónoma.
 
d) Solicitar  a  avaliación  dos  custos  que  a  declaración  de  nulidade  da  prórroga podería  implicar  para  o  erario  público  en  concepto  de  responsabilidade  patrimonial  do Estado.
 
2.- O  Parlamento  de  Galicia  manifesta  o  apoio  a  todos  os  traballadores  da  empresa Ence que desenvolven o seu traballo na factoría ubicada en Lourizán (Pontevedra) e a todos aqueles que, de xeito directo ou indirecto, dependen na súa actividade laboral, da permanencia   da   empresa,   ante   a   decisión   adoptada   polo   Goberno   central   que compromete o futuro destes empregos”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina