Santalices anima ao conxunto da sociedade a recoñecer o labor “infatigable” do persoal docente


• “Sen os profesores non seriamos nada; son a base do sistema educativo”, afirma
 
• O Parlamento de Galicia acolleu unha comisión infantil da Campaña Mundial pola Educación

Santiago, 21 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a celebración dunha comisión infantil organizada pola Campaña Mundial pola Educación, coa colaboración da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta,  para chamar a atención sobre o dereito á educación e as consecuencias do cambio climático.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradeceu á Campaña Mundial pola Educación ter elixido a Cámara galega como escenario para esta actividade, un espazo que considerou acaído, tanto polo empeño do Lexislativo galego por abrirse á xente, como polo compromiso da institución co estado de benestar e os piares que o sosteñen; sanidade, educación e servizos sociais.
 
“Todas e todos coincidimos en que a educación constitúe un alicerce determinante para o desenvolvemento e o benestar presente e futuro de calquera sociedade”, afirmou Santalices.
Para o presidente do Parlamento de Galicia resulta imprescindible “incidir sen desmaio na importancia da educación”, recordando que do esforzo que os máis novos dediquen agora á súa formación dependerán, en boa medida, o seu éxito ou fracaso persoal e profesional na etapa adulta.
Incidiu tamén Santalices na importancia de “formar persoas con criterio”, capaces de pensar e decidir por si mesmas.

A xuízo do titular do Lexislativo galego resulta tamén necesario que a sociedade recoñeza o labor do persoal docente, a “actitude infatigable dos profesores, porque sen os profesores non seriamos nada; son a base do sistema educativo”.
 
Como exemplo dese compromiso necesario, Santalices recordou ao recente gañador do Global Teacher Prize, considerado o Premio Nobel da educación, un profesor de ciencias que imparte clase nunha remota poboación de Kenia. O mellor profesor do mundo, Peter Tabichi, traballa  nunha área deprimida e carente de boa parte do equipamento do primeiro mundo.
 
Intervintes
 
O acto contou coa intervención do portavoz da coalición galega da Campaña Mundial pola Educación, José Luis Barreiro Areses, e de alumnado de cinco centros educativos galegos: IES de Vilalonga (Sanxenxo), IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, CPI Virxe de Cela de Monfero, Colexio Apóstol Santiago de Vigo e Colexio Miralba, de Vigo.
 

Imaxes relacionadas