saltar ao contido

Santalices felicita aos promotores da mostra de artistas Galicia-Baviera porque “mellora o coñecemento entre os pobos e afianza a nosa vocación e o compromiso europeísta”

 
• O presidente do Parlamento inaugurou en Marín a exposición integrada por obras de artistas dos dous territorios, nun acto que tamén rendeu homenaxe a José Teijeira, inspirador da iniciativa
 
Santiago, 17 de setembro de 2019.-  “Nestes tempos de localismos e individualismos exarcerbados, proxectos como esta exposición xurdida do traballo conxunto de artistas galegos e bávaros cobran un valor especial porque contribúen a mellorar o coñecemento entre os nosos pobos e afianzan a nosa vocación e o decidido compromiso europeísta”. Así o manifestou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, esta tarde en Marín, na inauguración da exposición Galicia-Baviera, comisariada por Antón Sobral.
 
A mostra enmárcase nun intercambio no que, desde hai 23 anos, participan artistas galegos e bávaros e que, nesta edición, contou coa respaldo do Parlamento de Galicia, “porque conecta coa vocación europea de Galicia” e tamén cos sensibilidade artística da Cámara autonómica que, como lembrou Santalices, alberga unha valiosa e extensa colección de arte galega contemporánea que animou a coñecer.
 
Homenaxe a José Teijeira
 
Santalices Vieira aproveitou a súa participación para sumarse á homenaxe que no acto inaugural se tributou á figura de D. José Teijeira, “artífice destacado de infinidade de iniciativas culturais, educativas e de outro tipo”, entre as que destacou a denominada Universidade de Passau en Marín. Desde comezos dos oitenta, e durante tres décadas, esta iniciativa fixo posible que centos de alumnos alemáns das universidades de Passau e Ratisbona acudisen a Marín cada verán. “A José Teijeira debemos moitas iniciativas pioneiras e el ten moito que ver coas orixes desta mostra Galicia-Baviera”, recordou Santalices.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina