saltar ao contido

Santalices anima a explotar todo o potencial terapéutico e económico do termalismo

 
• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou en Ourense a 19 edición de TERMATALIA, Feira Internacional de Turismo Termal Saúde e Benestar
 
Santiago, 19 de setembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou este mediodía que Ourense é a “primeira potencia termal de España e capital do termalismo”, recordando que se trata dun recurso non contaminante e sostible; sempre fonte de saúde e benestar. Santalices inaugurou este mediodía en Ourense a 19 edición de TERMATALIA, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, na que participan profesionais dunha trintena de países.
 
O titular do Lexislativo galego insistiu no “enorme potencial terapéutico do termalismo” e animou a traballar para lograr a súa inclusión co catálogo de prestacións do Sistema Nacional de Saúde, dado que ofrece propiedades estudadas desde o punto de vista científico. Recordou, neste sentido, a figura do Dr. Luis Rodríguez Míguez, considerado o pai do termalismo galego e un dos grandes expertos na materia, impulsor tamén da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC.
 
Insistiu nas enormes posibilidades de negocio que o termalismo ofrece para Galicia, e que se incrementan progresivamente coa mellora das comunicacións.
 
Santalices referiuse, ademais, ao feito de que Brasil sexa o país convidado nesta edición de TERMATALIA e lembrou a presenza galega naquel territorio de ultramar. “Brasil é tamén para nós –agregou- un universo lingüístico afín no ámbito da lusofonía, coa que estamos especialmente vinculados e comprometidos”.
 
Sinalou como exemplo a Lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade na Cámara autonómica en 2014, e que, entre outras cuestións, abriga aos poderes públicos galegos a promover as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina