saltar ao contido

Santalices reclama “respecto escrupuloso ás regras de xogo”, base do bo goberno e a pluralidade parlamentaria

 
• O presidente do Parlamento de Galicia moderou en Segovia unha mesa redonda sobre “O bo goberno ante a pluralidade parlamentaria”, no marco dun encontro de parlamentarios de sanidade
 
• Anima a emular aos políticos da transición para tecer consensos entre as distintas forzas políticas

Santiago, 27 de setembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, moderou esta tarde en Segovia unha mesa redonda sobre “O bo goberno ante a pluralidade parlamentaria”, no marco do X Encontro global de parlamentarios/as da sanidade, organizado polo grupo  Sanitaria 2000.
 
Na presentación da mesa redonda, que contou cao participación de deputados e deputadas das comisións de sanidade de diferentes cámaras autonómicas, Santalices Vieira amosouse convencido de que o bo goberno non é posible sen pluralidade parlamentaria xa que tanto esta como o respecto aos dereitos de todas as opcións “constitúe unha das esencias da democracia”.
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, “nin bo goberno nin pluralidade son posibles sen observar un respecto escrupuloso ás regras de xogo” articuladas na Constitución,
os estatutos de autonomía, os regulamentos das cámaras e demais normas que configuran o ordenamento xurídico.
 
Escoitar aos servizos xurídicos
 
Argumentou que “o conflito territorial que todos coñecementos non se tería producido se os responsables políticos tivesen escoitado o parecer dos seus servizos xurídicos”. Recordou, ademais, que respectar o marco normativo, reduce a litixiosidade, “freando a denominada xudicialización da política, que unha inmensa maioría social rexeita, e con razón”.
 
Necesidade de tecer consensos
 
Na súa intervención introdutoria, o presidente do Parlamento de Galicia insistiu na necesidade de recuperar as boas formas no exercicio da política , e tamén na de tecer consensos. 
 
“Dise con frecuencia que os políticos da transición eran mellores que os actuais, que actuaban con sentido de Estado. Non sei se eran mellores ou peores, pero tiñan unha predisposición para o diálogo, para buscar puntos de encontro cos contrincantes que fariamos ben en emular nos nosos días”, afirmou.
 
Para Santalices, bo goberno implica tamén maior transparencia e métodos de control. Puxo como exemplo as modificacións lexislativas impulsadas en Galicia para dotar ao Consello de Contas de competencias no ámbito da prevención da corrupción  e para converter ao Valedor do Pobo en comisionado da transparencia.
 
Apuntou tamén que o bo goberno obriga a “incrementar a capacidade de escoita das institucións e potenciar a participación cidadá”, como fixo Galicia, ademais de promover a apertura das institucións á sociedade.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina