saltar ao contido

Santalices: “A política segue tendo moito que aprender do arte”

 
 
• Preséntase un catálogo recompilatorio da colección de arte do Parlamento de Galicia, “unha das máis variadas e valiosas coleccións de arte galega contemporánea”
 
• O presidente do Parlamento enmarca o volume nunha estratexia máis ampla que inclúe a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección seguindo criterios museísticos, co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes
 
• A colección de arte constitúe un “aliciente adicional” para animar á cidadanía a coñecer o Pazo do Hórreo

Santiago, 21 de novembro de 2019.- O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou hoxe o volume Colección de arte. Parlamento de Galicia, un coidado catálogo da que cualificou como “unha das máis variadas e valiosas coleccións de arte galega contemporánea”, co aliciente de que todas as obras son visitables nun único espazo, a sede da Cámara galega.
 
Coa publicación deste catálogo e a asistencia ao acto de diferentes artistas e as súas familias “queremos escenificar o compromiso e o respaldo explícito do poder lexislativo ao universo creativo galego”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia. Expresou, ao tempo, a “man tendida” a institucións como a Real Academia Galega Nosa Señora do Rosario.
 
Criterios museísticos
 
Para Santalices, a publicación do volume presentado hoxe vai máis aló do labor editorial, xa que se enmarca nunha estratexia máis ampla que inclúe a catalogación, xestión, ordenación e conservación da colección seguindo criterios museísticos, labor para a que a Cámara conta co asesoramento da Real Academia Galega de Belas Artes.
 
A colección de arte do Parlamento de Galicia está integrada por  máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, reposteiros, vidreiras e medallas.  Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito, razón que levou a Santalices a agradecer a “xenerosidade” dos autores ou propietarios das pezas en depósito. Trátase, na súa opinión, dunha colección  que “enriquece o patrimonio público, alimenta a sensibilidade artística e intelectual do noso pobo e certifica a ilimitada vocación creadora dos nosos artistas”.
 
O presidente do Parlamento apuntou que a colección de arte do Parlamento constitúe un “aliciente adicional” para animar á cidadanía a coñecer o Pazo do Hórreo, sede da Cámara, no marco de iniciativas como o programa de visitas guiadas ou a xornada semanal de portas abertas, todos os luns laborables.
 
Aprender do arte
 
Santalices Vieira felicitouse pola proxección internacional dos artistas galegos e apuntou que “afortunadamente, nin a arte nin o talento creativo saben de fronteiras”. Agregou que “tamén por iso, aínda que non só por iso, a política –tan dada nos últimos tempos a poñer barreiras e recuperar fronteiras diluídas no pasado- segue tendo moito que aprender do arte”.
 
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodríguez González; polo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo; e polo profesor Francisco Javier Limia Gardón, autor dos textos dos volume. En datas próximas, o libro publicarase tamén en formato dixital na web do Parlamento de Galicia, onde se poderá acceder de balde ao seu contido.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina