• Este ano celébrase o 30 aniversario da Convención sobre os dereitos do neno
• Clausurou o VII Foro UNICEF-Parlamento de Galicia no que participaron representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de diferentes concellos galegos
Santiago, 22 de novembro de 2019.- O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, animou hoxe ao conxunto da sociedade a manter unha “actitude vixiante e combativa para evitar retrocesos” nos dereitos da infancia.
Calvo Pouso efectuou esta reflexión este mediodía no VII Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia, celebrado no Salón de Plenos da Cámara galega coa intervención de representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Redondela, Ponteareas, Castrelo de Miño, Ourense, O Barco de Valdeorras, Cabanas, Porriño, Teo e Moeche. Tamén participaron a presidenta de UNICEF-Comité Galicia, Myriam Garabito; e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Amparo González.
O vicepresidente do Lexislativo galego recordou que este ano se celebra o 30 aniversario da Convención sobre os dereitos do neno, un tratado internacional que “supuxo, en si mesmo, un paso de xigante”, e que cómpre protexer e impulsar.
Dar visibilidade aos dereitos da infancia desde o Parlamento
Calvo Pouso felicitouse pola celebración desta nova edición do Foro UNICEF-Parlamento de Galicia, que contribúe a outorgar visibilidade o ao papel desta axencia da ONU que traballa na defensa dos dereitos da infancia. Con actividades como a que hoxe se desenvolveu no Parlamento “contribuímos facer efectivo un dos dereitos consagrados na Convención sobre os dereitos do neno: o dereito a expresar as súas opinión e a que estas se teñan en conta”, afirmou.
Na súa intervención, Diego Calvo animou tamén aos 80 nenos e nenos participantes a reflexionar sobre os dereitos que poden exercer decote polo feito de vivir no denominado primeiro mundo.
“Falo de realidades cotiás como a educación, a sanidade ou a protección dos dereitos da infancia, recoñecidos e implantados no noso contorno, máis aló de dificultades puntuais; dereitos que son aínda unha quimera para millóns de nenos e nenas de todo o mundo, que viven en países máis ou menos distantes e que para si quixeran a nosa sanidade, ou a nosa educación”, afirmou Calvo Pouso.
Infancia e cambio climático
O vicepresidente do Parlamento de Galicia congratulose de que a os nenos e mozos estean “plenamente concienciados e comprometidos na defensa do planeta, razón pola que estou seguro de que queredes quen de reverter o proceso de cambio climático iniciado anos atrás”.
“Facedes ben –agregou- na vosa aposta en defensa do medio natural. Nos tempos actuais, a defensa do planeta non pode ser unha opción máis. Defender a natureza é a única opción”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.