• O Parlamento de Galicia acolleu este sábado a Asemblea Xeral do Modelo de Parlamento Europeo, organizada polo Colexio Peleteiro, coa participación de centros de Santiago, Ribadeo, Vigo e Pontevedra.
Santiago, 30 de novembro de 2019.- A secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias Rodríguez, reivindicou este mediodía o papel “imprescindible” e a utilidade das institucións europeas, como fonte de progreso e motor de benestar para a cidadanía.
Arias clausurou este mediodía na Cámara galega a Asemblea Xeral do Modelo de Parlamento Europeo, que reproduce o funcionamento da eurocámara a través do estudantado. O evento foi organizado polo Colexio Peleteiro, de Santiago, e contou coa participación de representantes do IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo; Colexio Los Sauces, de Vigo: Colexio Los Sauces, de Pontevedra; IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago; e Colexio La Salle, de Santiago.
A secretaria da Mesa da Cámara galega agradeceu a celebración deste foro na sede do poder lexislativo galego que, 38 anos despois da súa constitución, segue sendo pouco coñecido, e ás veces mesmo confundido co executivo, por unha parte da sociedade.
Para Arias Rodríguez, a celebración desta iniciativa facilita tamén o intercambio e o coñecemento mutuo entre estudantes de diferentes Comunidades Autónomas, “contribuíndo a forxar un sentimento de pertenza compartida ao gran país que nos acubilla e do que unha inmensa maioría nos sentimos orgullosos de formar parte”. Por iso, ”somos galegos, pero ao mesmo tempo somos españois e estamos orgullosos de selo”, subliñou.
Constitución e UE como pancas de progreso
Botando a vista atrás, a secretaria da Mesa referiuse aos cambios rexistrados en Galicia e no conxunto de España durante as últimas décadas, un avance que atribuíu á vixente Constitución española, que propiciou o desenvolvemento dunha democracia avanzada como a actual, e tamén á integración na Unión Europea e os beneficios que dela se derivaron.
“Podemos falar do avance das comunicacións terrestres; pero tamén de sanidade, con máis e mellores hospitais e centros de saúde; ou de educación, aspecto no que pasamos de unha a tres universidades, con sete campus noutras tantas cidades”, lembrou.
“Facedes ben –agregou Raquel Arias dirixíndose aos participantes neste certame- en afondar no coñecemento das institucións europeas e do seu Parlamento. Institucións imprescindibles, quizais afastadas e mastodónticas, pero necesarias e útiles, á fin e ao cabo”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.