saltar ao contido

O persoal do Parlamento de Galicia comezará a súa reincorporación o 25 de maio

 
• Será gradual, por quendas e en tres fases
 
Santiago, 19 de maio de 2020.- O persoal do Parlamento de Galicia, que se mantén en situación de teletraballo desde o pasado 16 de marzo por mor da COVID-19, comezará a reincorporarse aos seus postos a partir do próximo 25 de maio.
 
A decisión foi ratificada este mediodía pola Mesa da Deputación Permanente, logo das reunións celebradas polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, con representantes sindicais no marco da mesa de negociación, que respaldaron a medida.
 
O protocolo de reincorporación aprobado pola Mesa determina que o 25 de maio volverá a habilitarse o rexistro físico do Parlamento de Galicia –durante os dous últimos meses funcionou exclusivamente de maneira telemática-, ao tempo que comezará a primeira fase da reincorporación do persoal.
 
Tres fases
 
A reincorporación do persoal ao servizo da Administración Parlamentaria efectuarase en tres fases atendendo aos principios de prudencia, retorno gradual e por quendas, nun contorno de estritas medidas de seguridade e hixiene para garantir a protección da saúde das persoas, e unha permanente avaliación dos riscos.  O paso dunha a outra fase será determinado por un comité de coordinación, coa colaboración do servizo de prevención de riscos laborais.
 
Unha comisión mixta paritaria, integrada por representantes da Administración parlamentaria e das organizacións sindicais que ratificaron o protocolo de reincorporación, encargarase do seguimento das medidas acordadas e, se fose o caso, de propoñer a revisión das que se consideren necesarias.
 
Na primeira fase, a reincorporación do persoal efectuarase por quendas, con alternancia diaria entre o traballo presencial e o teletraballo, tendo en conta criterios como as necesidades dos servizos, o persoal que tiña autorizado o teletraballo antes da COVID-19 ou o feito de que algunhas persoas podan pertencer a grupos de risco sanitario.
 
O persoal non incorporado na primeira quenda e o incorporado nos días non presenciais continuará prestando servizo na modalidade de teletraballo.
 
Nos últimos días, o Parlamento de Galicia efectuou axustes nas súas dependencias para evitar os contaxios e minimizar os riscos sanitarios.
 
A tal efecto, ademais de contar cun protocolo específico para reforzar a limpeza e desinfección  das superficies, instaláronse dispensadores de xel hidroalcohólico, alfombras desinfectantes para o calzado, sistema de control de temperatura corporal no acceso, cartelería informativa específica e mamparas de separación dos espazos de traballo. Tamén se habilitaron entradas e saídas diferenciadas e colocouse sinalización para canalizar a circulación das persoas no interior do edificio respectando a distancia de seguridade, entre outras medidas.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina