A Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 4 de novembro de 2020, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 2876 (11/PNC-000320)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Verea Fraiz, Borja e sete deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co prazo dispoñible para a reclamación polas persoas consumidoras ás entidades financeiras dos gastos de formalización do préstamo hipotecario que se consideran abusivos
BOPG n.º 30, do 14.10.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado que unifique o criterio respecto ao prazo dispoñible para as persoas consumidoras que queiran solicitar os gastos de formalización do préstamo hipotecario que se consideran abusivos, preferiblemente con rango normativo, propoñéndose que sexa de cinco anos desde a súa finalización ou cancelación no rexistro da propiedade."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 3650 (11/PNC-000418)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
González Iglesias, María do Carme e dous deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para apoiar os empresarios autónomos ante o impacto da crise da covid-19 e a limitación de actividade que padecen
BOPG n.º 33, do 21.10.2020
Sométese a votación coa transacción no punto segundo dunha emenda in voce do G. P. Popular de Galicia e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
1. Destinar axudas directas para os autónomos e autónomas que sexan compatibles coas do Estado.
2. Impulsar compensacións por "limitación de actividade" para as que non poden manter a súa actividade ao estar condicionadas por novas normativas sanitarias ou de aforo. Esta compensación debe ser compatible con calquera outra axuda ou medida de fomento do emprego que se poida outorgar dende outra Administración Pública, coas limitacións establecidas pola normativa europea de axudas de minimis."