A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 4 de novembro de 2020, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 2313 (11/PNC-000229)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 11 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación co Estado de dereito e a defensa da propiedade privada como dereito fundamental, así como as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para mellorar o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles. (Procedemento de urxencia)
BOPG n.º 23, do 30.09.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia:
1.- Manifesta o seu firme compromiso co Estado de dereito e coa defensa da propiedade privada como dereito fundamental recollido no artigo 33 da Constitución Española.
2.- Insta a Xunta de Galicia a dirixirse o Goberno de España para que inicie os trámites que permitan mellorar o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles. Sinaladamente:
a) A modificación do artigo 245 do Código Penal co fin de reorientar e adaptar o tipo penal de usurpación á situación actual.
b) A previsión dun procedemento ou xuízo rápido ou inmediato que axilice o tempo dos litixios derivados da ocupación ilegal de inmobles en menos de 48 horas.
c) Establecer a prohibición de que as persoas que ocupen ilegalmente un inmoble poidan empadroarse no mesmo.
d) As modificacións lexislativas tendentes a reforzar e facilitar a adopción de medidas tendentes ao desaloxo de inmobles dende o primeiro momento de apreciación de indicios de infracción penal, concretamente posibilitar que no prazo de 12 horas, dende que se teña denunciado a ocupación ilegal dunha vivenda, os Corpos e Forzas de seguridade do Estado poidan desaloxar ese inmoble; así como para mellorar a convivencia veciñal conferindo medios de defensa xurídica ás comunidades de propietarios, co fin de corrixir un grave problema social e de convivencia xerado por mor destas actividades ilegais contrarias ao dereito á propiedade e á seguridade das persoas e cousas.
3.- Naqueles casos en que os ocupantes sexan familias en risco de exclusión social, arbitrar, en colaboración cos concellos, as medidas necesarias para o seu realoxo a través dos distintos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia."
- 2541 (11/PNC-000270)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 6 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co déficit de efectivos da Unidade de Policía Adscrita, así como de axentes da Policía Nacional existente en Galicia
BOPG n.º 27, do 07.10.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
1.- que por parte do Ministerio do Interior a través da Dirección Xeral da Policía se articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita para incrementar a 500 os seus efectivos, de xeito que esta Unidade poida cumprir coas función que actualmente está prestando.
2.- que por parte do Ministerio do Interior nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos se contemple a adscrición dun número de prazas suficiente de axentes da Policía Nacional, non inferior a 256, para atender as graves carencias de persoal que sofre a Comunidade Autónoma de Galicia."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 2967 (11/PNC-000332)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Castro García, Daniel e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar cabo o Goberno galego para a creación dun terceiro xulgado no partido xudicial de Viveiro e a diminución da demora na incoación de asuntos civís nos existentes na actualidade, así como a demanda que debe realizar ao Goberno central ao respecto
BOPG n.º 30, do 14.10.2020
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Trasladar á Comisión Mixta a demanda do Goberno central a creación dun novo xulgado en Viveiro cando a criterio da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior e a Xunta de Galicia, existan as condicións obxectivas de necesidade para a dita creación.
2. Manter ou ampliar no eido das competencias que lle son propias, as medidas de apoio que a Comisión Mixta estime adecuadas para resolver a sobrecarga de traballo de asuntos civís que existe nos xulgados de Viveiro."