saltar ao contido

Mocións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de novembro de 2020


 
5.1 4110 (11/MOC-000007)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Prado Cores, María Montserrat
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno para garantir a asistencia sanitaria á cidadanía. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 1686, publicada no BOPG nº 15, do 16.09.2020, e debatida na sesión plenaria do 20.10.2020)
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
 
1.- Presentar de inmediato no Parlamento un Plan de Continxencia para garantir a asistencia sanitaria dos galegos e galegas tanto na Atención Primaria como na hospitalaria nos vindeiros meses diante do previsible aumento da demanda asistencial derivada tanto pola COVID 19 como polos brotes de gripe e enfermidades respiratorias estacionais.
 
2.- Minimizar os riscos de contaxio dos traballadores e traballadoras  facilitándolle a todos e todas as que traballan en contacto directo cos doentes os materiais de protección axeitados ao nivel de risco (máscaras de protección respiratoria FFP2 en combinación co resto de medidas de protección)
 
3.- Activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados.
 
4- Garantir a atención telefónica sen demoras, co aumento e mellora da rede, dotación do número de profesionais precisos para responden ao aumento exponencial da demanda.
 
5.- Presentar un informe no Parlamento no que se expliciten os detalles da colaboración da Consellería de Sanidade co Colexio de Farmacéuticos de Ourense polo que en farmacias desta provincia se procedeu á realización de tests rápidos de antíxenos á poboación que o demande, así como dos test usados (data de compra, provedor, número de doses, custe...).”

5.2 4148 (11/MOC-000008)
 Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
 Torrado Quintela, Julio
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa formación e contratación de persoal para o sistema sanitario público de Galicia. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 2817, publicada no BOPG nº 27, do 07.10.2020, e debatida na sesión plenaria do 20.10.2020)
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Apoiar todas as iniciativas e accións institucionais que faciliten a posta en marcha da medida de eliminación da taxa de reposición que foi promovida dende a Comisión de Reconstrución do Congreso dos Deputados, e comprometer un programa de contratación de persoal para o sistema sanitario público de Galicia que, unha vez que se elimine dita taxa, recupere nun prazo de 3 anos todas as prazas que non puideron ser convocadas pola esa limitación.
 
2. Convocar todas as prazas MIR habilitadas para o sistema sanitario público de Galicia naquelas especialidades deficitarias en termos de persoal e instar ao Ministerio de Sanidade a que dea cumprimento aos acordos do Consello lnterterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 28 de abril de 2018 relacionados coa axilización e flexibilización das acreditacións de unidades docentes, en particuiar nas especialidades que se teñen declarado maioritariamente deficitarias como Medicina de familia, Pediatría e as súas áreas específicas.
 
3. Avaliar coa Facultade de Medicina da USC a posible necesidade de formar máis estudantes de medicina nos vindeiros anos, coa dotación dos medios necesarios para facelo.
 
4. Ampliar o tempo medio de contratación de persoal eventual ata o máximo posible, especialmente no correspondente ás prazas de enfermería, para dotar de maior estabilidade ao persoal.
 
5. Realizar un informe no prazo de un mes que avalíe a necesidade de contratar persoal ao abeiro de todas as modificacións normativas que se faciliten dende o Goberno de España para os recursos humanos do sistema sanitario, e incluír as propostas que dende Galicia se consideren de relevancia.
 
6. Entregar un informe de contabilización do persoal do sistema público de Galicia que contemple o número de profesionais estatutarios nos anos 2019 e 2020, e o volume de contratacións extraordinarias realizadas durante o ano 2019 e 2020, especificando a aplicación orzamentaria utilizada para facelas, e distribuídas por categoría profesional e EOXI”.
  
5.3 4158 (11/MOC-000009)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Bará Torres, Xosé Luís
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa distribución das transferencias non finalistas aos concellos e as necesidades derivadas da crise da covid-19. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 2246, publicada no BOPG nº 23, do 30.09.2020, e debatida na sesión plenaria do 20.10.2020)
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 36, do 28.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado que:
 
- Habilite de maneira inmediata un Fondo Extraordinario para as entidades locais que garanta facer fronte ás necesidades derivadas da crise da COVID 19.
 
- Adopte fórmulas para compensar as perdas na liquidación definitiva da PIE (efectoSII) cuantificada no caso das entidades locais galegas en máis de 50 millóns de euros.
 
- Na liña do acordo adoptado polo Congreso, flexibilice a disposición da totalidade dos remanentes de tesouraría das entidades locais de maneira que se poidan destinar a gastos non financeiros e a calquera investimento que redunde en beneficio da veciñanza.
 
- Modifique a lexislación en materia de estabilidade financeira que afecta ás entidades locais (flexibilización da regra de gasto, regulación e límites do endebedamento local e outras cuestións relativas a esta normativa), en consonancia cos acordos adoptados na asemblea xeral da FEGAMP do 29 de novembro de 2019.”
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina