Artigo 3
A Mesa é o órgano de goberno da Comisión e terá as seguintes atribucións:
a) Recompilar todo tipo de información sobre o obxecto da Comisión.
b) Organizar as actividades que se consideren necesarias para dotar a Comisión de toda a información que sexa de interese para a elaboración do ditame.
c) Preparar os documentos que deban ser sometidos á deliberación da Comisión.
d) Propoñerlle á Comisión un Plan de traballo, escoitadas as persoas portavoces dos grupos parlamentarios presentes na Comisión e unha vez remitidos por aquelas as correspondentes propostas de plan de traballo.
e) Executar os acordos tomados pola Comisión.
f) Aquelas que en calquera momento lle asigne a Comisión.
III. Funcionamento
Artigo 4
A Comisión será convocada pola súa presidencia, de acordo coa Presidencia do Parlamento, por iniciativa propia, a petición de dous grupos parlamentarios ou dunha quinta parte das deputadas e dos deputados da Comisión.
Artigo 5
1. A Comisión e a súa Mesa entenderanse validamente constituídas cando asistan a metade máis un das deputadas e dos deputados pertencentes a estes órganos.
2. Os acordos adoptaranse por maioría.
IV. Medios de acción
Artigo 6
A Comisión poderá exercer as facultades previstas no artigo 44.1 do Regulamento da Cámara. Estas facultades, atribuídas á Comisión no seu conxunto, poderán delegarse na súa Mesa, ao abeiro do disposto na resolución da Mesa do Parlamento do 11 de abril de 1986.
Artigo 7
A Comisión aprobará un plan de traballo, no que figurará o calendario xeral de actividades.
V. Ditame
Artigo 8
A Comisión aprobará un proxecto de ditame que conterá as conclusións ás que chegue.
Artigo 9
Se a Comisión designara unha ponencia, esta elaborará o proxecto de ditame.
Artigo 10
Redactado o proxecto de ditame, remitirase á Comisión para o seu debate e, se é o caso, a súa aprobación.
Artigo 11
As deputadas e os deputados da Comisión poderán presentar emendas ao proxecto de ditame dentro dos cinco días hábiles seguintes a súa remisión.
Artigo 12
O proxecto do ditame coas emendas presentadas será obxecto de debate no seo da Comisión, para a súa aprobación definitiva por aquela.
Artigo 13
Os grupos parlamentarios e as deputadas e os deputados da Comisión poderán formular votos particulares ao ditame cando discrepasen do seu contido. Os votos particulares deberán presentarse á Mesa da Comisión dentro dos cinco días hábiles seguintes á finalización do ditame.
Artigo 14
1. O ditame cos votos particulares que houbese seranlles remitidos á Mesa do Parlamento, nos cinco días hábiles seguintes á súa terminación, para os efectos da súa tramitación e aprobación no Pleno, se fose procedente.
2. O ditame cos votos particulares que houbese, serán publicados no BOPG.
Disposición derradeira única
En todo o non previsto nestas normas aplicarase supletoriamente o Regulamento do Parlamento de Galicia.