saltar ao contido

Santalices conduce o VIII Foro de Participación Infantil e Adolescente UNICEF

• O evento en liña contou coa participación de representantes dos consellos de participación infantil e adolescente de Castrelo de Miño, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Teo, Cabanas e Moeche, e dos tres grupos parlamentarios

• Santalices felicita a Joe Biden polo seu triunfo electoral e fai votos para que Estados Unidos ratifique a Convención sobre os Dereitos do Neno

 

 

Santiago, 17 de novembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, interveu esta mañá no Foro de Participación Infantil e Adolescente, co-organizado pola Cámara e UNICEF Comité Galicia. Este pleno infantil, que celebra a súa oitava edición, prescindiu este ano do formato presencial por causa da Covid-19, polo que a xuntanza se realizou de xeito telemático.

Santalices saudou á rapazada participante, proveniente dos concellos de Castrelo de Miño, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Teo, Cabanas e Moeche, así como a presidenta de UNICEF Comité Galicia, a conselleira de Política Social da Xunta e representantes dos tres grupos parlamentarios, que tamén participaron no evento en liña.

 

Pacto galego pola infancia

Durante o encontro, o presidente do Parlamento parabenizou o labor de UNICEF Comité Galicia e dos diferentes concellos que asumiron esta proposta encamiñada a dotarse dun órgano estable para trasladar o parecer dos máis novos á política local. Alén disto, aproveitou a ocasión para pór en valor o compromiso na transmisión de valores para as futuras xeracións grazas ao Pacto galego pola infancia, asinado por vez primeira no 2011 e renovado no pasado ano.

As proposicións de nenas, nenos e adolescentes no pleno telemático incluíron, entre outras, medidas concretas fronte as consecuencias da pandemia na sociedade, o artellamento de mecanismos de protección para a saúde mental da xente máis nova ou iniciativas de respecto ao medio ambiente. Despois das intervencións, Santalices concluíu o foro agradecéndolles aos participantes a súa contribución e responsabilidade democrática, necesaria para “edificar unha sociedade máis sostible, inclusiva e solidaria”.

 

Día Mundial da Infancia

Este pleno celébrase en vésperas do Día Mundial da Infancia que cada 20 de novembro conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do neno  pola Asemblea Xeral da ONU en 1989.

Esta convención é, actualmente, o tratado internacional máis ratificado da historia, na medida en que ten sido aceptada por todos os países, agás Estados Unidos. Foi asinada en 1995 pola Administración Clinton, pero resta a súa ratificación, previa aprobación polo Senado.

 

Felicitación a Joe Biden

“Agardemos que baixo a Presidencia de Joe Biden, a quen aproveito para felicitar polo seu contundente triunfo electoral, se impulse a ratificación deste tratado, que, en esencia, equipara, en materia de dereitos humanos, nenos e nenas e adultos”, afirmou Santalices.

Neste punto, o presidente do Parlamento reivindicou o valor da democracia e dos seus instrumentos xurídicos “para facer que prevaleza o veredicto da cidadanía, expresado libremente nas urnas”.

 


Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina