A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 19 de novembro de 2020, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 4416 (11/PNC-000519)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre o desenvolvemento polo Goberno galego dun procedemento integral de mellora tecnolóxica dos equipos de diagnóstico e dos bloques cirúrxicos no sistema sanitario
BOPG n.º 40, do 04.11.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 6 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver un procedemento integral de mellora tecnolóxica dos equipos de diagnóstico e dos bloques cirúrxicos destinado á adquisición de tecnoloxía punteira de diagnóstico por imaxe e ecografía así como á instalación de quirófanos intelixentes e robots cirúrxicos que faciliten a realización de técnicas cirúrxicas menos invasivas e de maior precisión.”
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 3942 (11/PNC-000456)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre a creación pola Xunta de Galicia de unidades funcionais multidisciplinares para a prestación de atención especializada aos pacientes con enfermidades raras
BOPG n.º 36, do 28.10.2020
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a crear unidades funcionáis multidisciplinares que proporcionen atención especializada aos pacientes con enfermidades raras e garantan uns tempos máximos para as súas consultas e probas.
Do mesmo xeito, tamén se consolidará a rede de investigacion sanitaria pública dotándoa de recursos para ter un maior coñecemento destas patoloxías que permitan un diagnóstico máis temperán, redundando así nun maior beneficio para as doentes."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 4435 (11/PNC-000523)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Ortega Otero, Marina
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para evitar as incertezas e a información contraditoria respecto dos protocolos que deben seguir as persoas nos casos de infección por coronavirus (covid-19) ou de contactos con infectados, así como sobre a disparidade de criterios entre as áreas sanitarias
BOPG n.º 40, do 04.11.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Iniciar unha campaña informativa clara, directa e áxil para permitir clarexar á poboación a información sobre os protocolos a seguir nos casos de positivos e contactos con positivos, para facilitar a comprensión do que se debe facer en cada unha das situacións habituais.
2. Unificar os criterios de acción e decisión das áreas sanitarias, para axudar a difundir as necesidades no comportamento poboacional ante positivos e contactos con positivos, de cara a que a cidadanía teña claridade sobre o que facer en cada situación.”