saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Día Mundial da Infancia

Reimaxinar un mundo mellor para a infancia

A crise orixinada pola pandemia da COVID-19 está a ter graves consecuencias para a infancia. Atravesamos unhas circunstancias excepcionais que provocan un incremento da pobreza infantil e as desigualdades, un agravamento da fenda educativa, e unha ameaza para a saúde física e mental de nenos, nenas, adolescentes e as súas familias. Estas consecuencias impactan dunha maneira máis acentuada a quen están en maiores condicións de vulnerabilidade.

É por isto que neste Día universal da Infancia, desde o Parlamento de Galicia queremos sumar a nosa voz unánime e recordar o noso compromiso co cumprimento da Convención sobre os Dereitos do Neno e coa implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable. A situación actual está a poñer a proba a nosa capacidade de responder como sociedade, non só ante a emerxencia derivada da COVID-19 senón fronte aos retos do futuro, polo que renovar o compromiso cos dereitos da infancia resulta ineludible.

É o momento de reimaxinar un mundo mellor para a infancia, cando ademais iniciamos en Galicia unha nova lexislatura. Para iso, será fundamental que desde todos os poderes públicos e especialmente desde a nosa casa, o Parlamento, renovemos o noso compromiso cos nenos, nenas e adolescentes e tamén coa Axenda 2030, como folla de ruta colectiva para responder á emerxencia actual e para reconstruír mellor, reimaxinando un mundo máis equitativo, sustentable e xusto para todas e todos.

Para facer iso realidade, será imprescindible que aseguremos que os dereitos de nenos e nenas se poñen no centro das medidas de atención á crise e recuperación. Debemos tomar decisións firmes para garantir que ningún neno e ningunha nena se quede atrás, e que cada un deles poida desenvolver o seu máximo potencial.

Xa previamente á chegada do coronavirus, a pobreza e a exclusión afectaban en Galicia ao 26% da poboación infantil: é dicir, moitas familias están afrontando a situación provocada pola COVID-19 desde condicións de extrema vulnerabilidade. Por iso, debemos traballar xuntos para previr que a crise xerada pola pandemia se converta nunha crise duradeira para a infancia. É por iso que nos comprometemos a promover as seguintes accións que favorezan o cumprimento dos seus dereitos:

• Promover un maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignan os recursos necesarios para afrontar os retos antes mencionados.

• Promover a elaboración da Lei galega de infancia e adolescencia, como instrumento marco no que articular os compromisos futuros cos nenos, nenas e adolescentes na nosa comunidade.

• Promover as accións que sexan necesarias para analizar o impacto da COVID-19 na infancia e adolescencia en Galicia, especialmente sobre os máis vulnerables e abordar  as súas solucións de cara á:

o Fortalecer o sistema de protección social para garantir un nivel de vida axeitado para cada neno e nena – ODS 1. (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 1)

o Abordar os retos da fenda educativa, atallando o fracaso escolar, o abandono temperán e a fenda dixital – ODS 4.  (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 4)

o Asegurar medidas especiais de protección para os nenos e nenas solicitantes de asilo e refuxiados, así como migrantes non acompañados – ODS 10. (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 10)

o Garantir os dereitos dos nenos e nenas privados dunha contorna familiar – ODS 16. (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 16)

o Previr, detectar e atender adecuadamente os casos de violencia contra a infancia – ODS 16.  (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 16)

o Protexer e promover a saúde de nenos, nenas e adolescentes, con atención especial á saúde mental e aos dereitos de nenos e nenas con discapacidade – ODS 2, 3, 10.  (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 2,3,10)

o Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento, cumprindo co compromiso recoñecido na Convención dos Dereitos do Neno de aportar á protección dos dereitos da infancia e adolescencia en todo el mundo– ODS 17. (OBXECTIVO DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE 17)

• Escoitar as preocupacións e necesidades de nenos, nenas e adolescentes, e contemplalas dun xeito transversal na acción política, promovendo a súa participación para deseñar xunto con elas e eles as estratexias para a recuperación desta crise.

• Promover as accións necesarias para o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e o Acordo de París, convertendo a crise actual nunha oportunidade para investir no presente e futuro da infancia, reconstruíndo mellor e cun enfoque sustentable, sen perder de vista a ameaza da crise climática e o seu impacto na infancia.

Finalmente, recoñecendo as problemáticas existentes e os grandes retos que enfrontamos, reafirmamos o noso compromiso para propoñer accións e acadar resultados a favor da infancia en Galicia, pero tamén a nivel nacional e mundial, e declaramos o noso compromiso directo cos nenos e nenas para reimaxinar, xunto con elas e eles, un mundo no que facer realidade todos os seus dereitos.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina