saltar ao contido

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia con motivo do 25 de novembro: Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

O Parlamento de Galicia, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o día 25 de novembro, reitera, máis un ano, a súa firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, e de todas e cada unha das súas manifestacións. De igual modo, manifestamos todo o noso apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e fillas e aos seus familiares.

Xa na IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres, en Beijing, en 1995, recoñeceuse que a violencia exercida contra as mulleres é un obstáculo para a igualdade, o desenvolvemento e a paz dos pobos, que impide que as mulleres gocen dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais.

Tal como expresa a ONU, «a violencia contra as mulleres e as nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, persiste como unha crise silenciosa e endémica». Este ano, ademais, a situación viuse agravada pola pandemia mundial que nos arrasa. E que, se afecta as mulleres con máis intensidade e de forma concreta pola desigualdade estrutural en que se encontran, é especialmente terrible para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

A súa erradicación e eliminación é un mandato normativo derivado dos tratados internacionais de Nacións Unidas e a Unión Europea, ratificados polo Estado Español, polo que debe de ser tratada con máxima prioridade nas axendas das distintas administracións públicas como garantes dos dereitos das mulleres.

Galicia conta desde 2007 cunha Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada por unanimidade neste Parlamento. É unha lei avanzada e en liña coas recomendacións internacionais recollidas, entre outros instrumentos, no Convenio de Istambul.

Esta Lei 11/2007 representou unha enorme mudanza, ao ampliar a definición de violencia machista e incluír como tal calquera acto violento ou agresión —tamén sexual—, tanto se ocorre no ámbito público como no familiar ou privado.

Con posterioridade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, validado por unanimidade, tamén supuxo un claro avance ao lograr unir todas as forzas políticas e institucionais do Estado para mellorar a situación das mulleres vítimas e para loitar contra unha situación indigna para calquera sociedade, establecendo estratexias de sensibilización e prevención, atención, asesoramento, acompañamento e protección, sempre desde perspectivas integrais en todos os ámbitos, tales como o laboral, o educativo, o sanitario, o xurídico, o policial e o social.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución de competencias en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica multitude  de axentes.

A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer as vítimas non é unha opción, é unha obriga. A violencia machista interpélanos a todos e as administracións públicas debemos combatela con todos os medios ao noso alcance.

Así, o Parlamento de Galicia leva anos traballando arreo para conseguir cambios nas políticas públicas e no eido lexislativo, co fin de acadar algún día a plena igualdade e, en consecuencia, a eliminación de calquera forma de violencia contra as mulleres, que é a manifestación máis desprezable da desigualdade entre homes e mulleres. Por tanto, comprometémonos a continuar traballando en medidas de prevención, información, asesoramento, protección e acompañamento ás mulleres vítimas de violencia machista e as súas fillas e fillos.

Unha sociedade democrática non pode tolerar que as mulleres sexan discriminadas, sexan vítimas do machismo, da desigualdade e da violencia, unha das principais causas de vulneración dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, situacións totalmente inadmisibles nun Estado democrático e de dereito.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina