• Cada unha das entidades destinará 65.000 euros a esta iniciativa, que mercará produtos aos operadores galegos integrados en Mercaproximidade
• O presidente do Parlamento e mailo conselleiro de Medio Rural asinaron un convenio de colaboración esta mañá no pazo do Hórreo
Santiago, 27 de novembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá destinar un total de 130.000 euros á adquisición de produtos alimenticios de proximidade para destinalos aos diferentes comedores sociais e bancos de alimentos da Comunidade Autónoma.
Cada unha das entidades destinará 65.000 euros ao financiamento da iniciativa, que permitirá mercar alimentos a operadores integrados na marca Mercaproximidade, impulsada por Medio Rural para facilitar a comercialización de produtos agrogandeiros galegos de proximidade.
A Consellería de Medio Rural coordinará as demandas das iniciativas sociais e as ofertas dos proveedores. A medida está deseñada para procurar a diversidade de proveedores, de xeito que o lote adquirido a cada un deles no marco desta campaña deberá ser sempre inferior a 15.000 euros.
Pegada de carbono
Priorizarase, ademais, o criterio de proximidade xeográfica, procurando adquirir os subministros a produtores da área na que se asente cada entidade social beneficiaria, contribuíndo tamén, deste xeito, á redución da pegada de carbono e dando cumprimento ás directivas comunitarias que regulan esta materia.
Aínda que o Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia sinala que as subvencións públicas a conceder pola institución non superarán o 80% dos gastos subvencionados, a Mesa da Cámara acordou recentemente unha disposición adicional que determina unha excepción puntual a esa limitación para actuacións encamiñadas a afrontar situacións de emerxencia social derivadas da covid-19. A reforma permite subvencionar o 100% dos gastos subvencionables, sempre que exista dotación orzamentaria.
Vocación social do Parlamento de Galicia
O presidente do Parlamento explicou que este convenio se enmarca na “marcada vocación social” do Lexislativo galego, que se traduce en medidas de amplo espectro que abranguen desde o impulso da integración laboral de persoas con discapacidade, a sinatura de convenios de colaboración con diferentes entidades sociais para canalizar o seu asesoramento, a organización de actividade que contribúan a visibilizar a realidade dos colectivos con dificultades, a supresión de barreiras ou a liña de subvencións que desde hai anos se viñan outorgando a comedores sociais e bancos de alimentos.
Para Santalices, o acordo asinado hoxe coa Consellería de Medio Rural permite “aproveitar a forza das sinerxías, porque xuntos somos máis fortes e podemos chegar a máis xente”. Recordou que a medida reforzará a subministración de produtos alimenticios ás entidades sociais coincidindo co Nadal.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.