saltar ao contido

O presidente do Parlamento de Galicia clausura a conmemoración do 500º aniversario da Asemblea de Melide

 
• A cita lembra a xuntanza que celebraran nobres e prelados en defensa dos intereses de Galicia fronte ao que consideraron un desaire do rei Carlos I por excluílos das Cortes convocadas en Santiago
 
• Santalices ofreceu ás entidades promotoras do acto a posibilidade de editar unha publicación conxunta sobre este feito histórico
 
Santiago, 4 de decembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde nun acto conmemorativo polos cincocentos anos da Asemblea de Melide. Noevento, celebrado no centro sociocultural Mingos de Pita, participaron o rexedor melidense, José Manuel Pérez, acompañado da Corporación Municipal; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o catedrático de Historia Moderna da USC, Pegerto Saavedra; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. entre outras personalidades.
 
No seu discurso, Santalices eloxiou o labor daquel grupo de prelados e cabaleiros galegos que organizaran a Asemblea de Melide a modo de reacción política ao que interpretaran como un desaire do emperador Carlos I de España, por telos excluído das Cortes convocadas en Santiago. O presidente do Parlamento non perdeu ocasión para loar tamén o papel do veciño anónimo que alertou da proximidade da efeméride, feito que posibilitou a celebración do acto.
 
Este xesto deulle pé ao presidente da Cámara para reflexionar sobre o descoñecemento xeral da sociedade galega e española sobre a propia historia. Sinalou que, a causa disto, é frecuente que os actos negativos ou lutuosos gañen máis notoriedade que as grandes fazañas do pasado. Rescatou, como exemplo, o caso da enfermeira galega Isabel Zendal, que tamén polas mesmas datas mais no ano 1803 partira a América na Expedición Filantrópica da Vacina, que inmunizou contra a varíola en América e, desde alí, outros territorios.
 
“Trátase dun exemplo alentador, pero tamén dunha mostra elocuente dun dos innumerables feitos históricos excepcionais protagonizados polos nosos devanceiros”, destacou Santalices. “A historia ofrece sempre leccións inspiradoras, polo que calquera esforzo de divulgación histórica, coma este, é merecente do respaldo e da boa acollida por parte de todos”, afirmou.
 
Publicación conxunta sobre a efeméride
 
Após valorizar a disertación do profesor Saavedra e o respaldo do Consello da Cultura Galega para a cerimonia, Santalices aproveitou para lembrar que, alén do papel lexislativo do Parlamento, a institución tamén conta cunha modesta axenda propia. Por un lado, esta aspira a prestar apoio no ámbito social ás entidades do sector e, por outro, a promocionar a cultura galega para integrar o país “no conxunto de España, e na Unión Europea, sen perder de vista os nosos vínculos fraternais con Hispanoamérica”.
 
Ao fío deste último obxectivo, Santalices abriu o convite de impulsar, entre as entidades promotoras, unha publicación conxunta sobre a Asemblea de Melide. Para o presidente, a iniciativa axudaría a perpetuar a memoria desta parte indisoluble da nosa historia, legando “ás galegas e galegos do futuro un documento que, desde o rigor histórico, permita coñecer un pouco mellor o noso pasado”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina